DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A día de hoxe este país é a terceira economía do mundo en termos de PIB

conómicas e Empresariais analizará esta semana os principais retos de facer negocios en Xapón

O debate, moderado por Pedro Mouriño, será este mércores ás 12.30 horas

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Académica
D. Besadío DUVI 26/04/2021

A día de hoxe Xapón é a terceira economía do mundo en termos de Produto Interior Bruto e Europa é un dos principais destinos do investimento que esta nación realiza no estranxeiro. Conscientes desta realidade, desde a Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias organizaron para esta semana, o vindeiro mércores ás 12.30 horas, unha mesa redonda sobre as oportunidades de negocio e investimento entre Xapón e España, un evento realizado en colaboración coa embaixada de Xapón e que resulta de elevado interese, tanto para o tecido empresarial de toda a provincia como para o alumnado, quen a corto prazo terá que incorporarse a un mercado laboral no que este país asiático ten cada vez un maior protagonismo, sobre todo tras a sinatura do Acordo de Libre Comercio coa Unión Europea.

A mesa redonda, que poderá seguirse no salón de actos da facultade ou en liña, contará coa participación de Xosé Carlos Arias, catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo; Pedro Cordero, coordinador de proxectos de Japan External Trade Organization (JETRO); Tomás Zumárraga, director xeral de Shacho Kai, asociación sen ánimo de lucro que engloba ás empresas sitas en España que dispoñan como mínimo dun 10% de capital xaponés; Rosario Froján e Alfredo Olmedo, socios-directores da firma de moda galega D-Due, un dos mellores exemplos de empresas que triunfan en Xapón, e Pedro Mouriño, coordinador do Foro de Internacionalización do Círculo de Empresarios de Galicia e presidente de Iberatlantic Global Corporation, que moderará a mesa redonda.

“Nunha economía tan globalizada como a actual existen oportunidades de emprego para o noso estudantado en todos os lugares do mundo”, subliña o decano da facultade, Jorge Falagán, quen explica que esta iniciativa se suma á presentación, realizada o pasado mes de marzo coincidindo coa celebración na facultade do Foro de Empleo, do programa de bolsas para estudos de posgrao en Xapón.

Da automoción á enerxía, pasando polo sector agroalimentario

As principais oportunidades de negocio en Xapón sitúanse segundo o último informe económico e comercial de España en Toquio, elaborado en setembro de 2020, no sector agroalimentario, que se viu moi favorecido pola redución arancelaria do recente acordo comercial UE-Xapón (EPA), que entrou en vigor en febreiro de 2019; así como nos produtos de consumo relacionados co téxtil e o calzado, a saúde –incluíndo produtos farmacéuticos, química orgánica e biotecnoloxía-, a enerxía, sobre todo as renovables, e a automoción, que segue a ser un sector clave nas relacións comerciais bilaterais.

En canto ás oportunidades de investimento, o investimento directo de empresas xaponesas céntrase naqueles sectores nos que Xapón ten grandes cadeas de valor como o automobilístico ou o farmacéutico; mentres que, no outro lado da balanza, o investimento español en Xapón céntrase nas enerxías renovables, incluída a eólica, o hidróxeno e a enerxía nuclear.

As persoas interesadas en asistir a esta mesa redonda deben reservar praza a través do seguinte enlace: https://www.eventbrite.es/e/entradas-oportunidades-de-negocio-e-inversion-entre-japon-y-espana-151689917627