DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O día 29 comezan as xornadas de portas abertas Área de Benestar, Saúde e Deporte

O cuadrimestre arranca cargado de actividades deportivas

Xa se pode adquirir o Abono Muver, que dá acceso ás instalacións e ás actividades dirixidas

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
DUVI 22/01/2024

O cuadrimestre comeza, como é habitual, cunha ampla oferta de actividades e propostas para que a comunidade universitaria non teña escusa para non practicar deporte. Por unha banda, xa se pode adquirir o Abono Muver, que dá acceso ás instalacións deportivas e ás actividades dirixidas. Por outra, para dar a coñecer a oferta que neste eido ten a UVigo, a partir do vindeiro luns, 29 de xaneiro, comezarán as Xornadas de Portas Abertas, que permitirán a toda a comunidade universitaria coñecer de balde e sen compromiso tanto as instalacións xestionadas pola UVigo como as actividades deportivas que se desenvolven nos tres campus e que forman parte do Abono mUVer. 

O Abono Muver, tamén mensual

O Abono MuVer é un xeito práctico e sinxelo de realizar práctica deportiva nos campus da Universidade de Vigo. Esta proposta da Área de Benestar, Saúde e Deporte dá acceso ás instalacións dos tres campus e ás actividades dirixidas que se organizan ao longo do curso académico. O abono pode ser cuadrimestral, anual ou só para os meses de verán e está aberto tanto á comunidade universitaria e familia UVigo como a outras persoas e colectivos vencellados á institución, así como a persoas externas e os prezos varían segundo o colectivo ao que se pertenza e a duración da subscrición. 

As persoas interesadas xa poden adquirir o seu abono, que terá validez ata o 31 de maio. Ademais, hai a posibilidade de estender entre o 1 de xuño e o 31 de agosto este abono, coa modalidade de verán. Por último, como novidade deste curso académico tamén existe a posibilidade de adquirir bonos mensualmente.

Entre as vantaxes que ofrece o Abono MuVer está o deseño e seguimento individualizado dun programa de exercicio físico por parte do persoal técnico da sala de fitness, así como unha valoración antropométrica. Tamén inclúe o acceso ás instalacións deportivas da Universidade nos tres campus durante o todo o seu horario de apertura, incluíndo as salas cardio-fitness, tenis de mesa, pistas de atletismo (Vigo e Ourense), pistas de tenis (Vigo e Ourense), muro de escalada (Vigo) e aluguer de bicicletas BTT (Vigo). Contar co abono tamén dá acceso gratuíto ás actividades dirixidas de fitness e o seguimento técnico-deportivo dos programas de adestramento, así como a participación de balde nas actividades do equipo de carreiras populares da UVigo.O abono tamén supón un 20 % de desconto para as persoas da comunidade universitaria nas escolas deportivas e nas actividades puntuais no medio natural, como as Rutas Culturais ou o programa Aguaventura.

Así, as e os usuarios do Abono MuVer no campus de Ourense poderán elixir, sen coste adicional, entre benestar integral; Body pump; ciclo indoor; adestramento persoal e ioga. No campus de Pontevedra, a oferta comprende adestramento funcional; HIIT e pilates. Finalmente, no campus de Vigo, as e os usuarios teñen á súa disposición adestramento funcional; Jiu Jitsu; CORE e ioga.

Prezos do Abono Muver

No que se refire aos prezos, o abono MuVer conta con distintas tarifas que varían segundo a duración e a persoa que o solicite. Para os membros da comunidade universitaria e familia UVigo o prezo anual é de 73,50€, para persoas pertencentes entidades vencelladas á UVigo é de 110,25€ e para persoas alleas á institución é de 189€. Para quen prefira o abono cuadrimestral, os prezos varían entre os 42€, os 63€ e os 105€ respectivamente. A nova opción que se estrea e que permite a inscrición mensual ten uns prezos que varían entre os 15,75€, 23,60€ ou 31,50€, que son os mesmos prezos que ten o abono de verán.

1464 persoas con Abono Muver no primeiro cuadrimestre

Durante o primeiro cuadrimestre a Área de Benestar, Saúde e Deporte expediu 1464 abonos, 595 deles no campus de Vigo, 514 no de Ourense e 355 no de Pontevedra, esgotando este último toda as prazas dispoñibles. En Vigo,  473 dos abonos foron anuais, 113 cuadrimestrais e 9 mensuais. En Ourense, foron 403 anuais, 105 cuadrimestrais e 6 mensuais e, finalmente, en Pontevedra foron 322 anuais e 33 cuadrimestrais. 

Xornadas de portas abertas

Para coñecer de xeito gratuíto tanto as instalacións deportivas xestionadas pola UVigo como as actividades dirixidas que se desenvolven nos tres campus e que forman parte do Abono mUVer, a comunidade universitaria poderá beneficiarse das Xornadas de Porta Abertas que terán lugar entre o 29 de xaneiro e o 9 de febreiro.  

Ao longo destes 12 días, as persoas que forman parte da institución poderán, por exemplo, coñecer as salas cardio-fitness, as pistas de atletismo ou o programa de aluguer de bicicletas e tamén participar en múltiples actividades dirixidas de diferentes modalidades como HIIT, adestramento funcional, ioga, core ou pilates. A finalidade é que alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos comecen o segundo cuadrimestre probando e elixindo as actividades deportivas que máis lle gusten e nas que poidan sentirse cómodas e en forma ao longo de todo o curso.

Para todas estas as sesións é preciso reservar praza.