DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o último informe do Foro Económico de Galicia

A economía galega experimenta unha desaceleración

Porén mantén cifras positivas no contexto europeo

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 01/04/2024

O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), presentou este luns en Santiago de Compostela o seu Informe de conxuntura socioeconómica 1/2024. O documento foi elaborado polos economistas Patricio Sánchez e Santiago Lago, ambos da Universidade de Vigo; e José Francisco Armesto e Fernando González Laxe, coordinador este último do traballo. Nel destacan que “en liña co conxunto dos países da nosa contorna, a ralentización do ritmo de crecemento caracteriza a evolución da economía galega. Porén, acredita taxas de variación interanuais superiores ás dos principais socios comerciais galegos, agás Portugal”. En concreto, detallan os autores do documento, a medra interanual sitúase no 1,8%, sete décimas inferior á media española, e catro décimas con respecto á UE.

Sectores e mercado de traballo

O crecemento do PIB real en Galicia, apuntan os economistas, caracterízase por unha achega positiva da demanda externa (dun punto fronte ás oito décimas da demanda interna). Dende o punto de vista da oferta, Galicia presenta segundo o informe "unha importante desaceleración do sector terciario, se ben mantense como o sector coa taxa de crecemento interanual máis elevada: 2,3%". Igualmente salientan o crecemento da industria manufactureira e da construción, cunha medra do 1,7% e 0,8%, respectivamente, e o feito de que o sector primario presenta "unha contracción aínda que desta volta menos acusada" que na media española (-0,9% e -2%, respectivamente). “Un dos principais problemas da economía galega segue a ser a produtividade relativa do tecido produtivo galego en relación á media de España. A fenda máis ampla prodúcese na industria manufactureira”, afirman os economistas. Por contra, detallan, o sector da construción presenta unha produtividade superior á media estatal.

O mercado de traballo galego presenta un balance positivo, segundo recolle o informe. Melloran as taxas de actividade e de emprego, reducíndose tanto a taxa de desemprego como a taxa da temporalidade, "o cal adoita ser un indicador da mellora da calidade de emprego". Con todo, desde o Foro Económico de Galicia sinalan que "estes datos teñen que ser matizados novamente tendo en conta que Galicia mantense entre as comunidades autónomas con menores taxas de actividade e ocupación". A poboación ocupada medra un 2,3% (grazas á poboación estranxeira), seis décimas por riba do estimado en 2022, e os postos de traballo equivalente un 2%. Doutra banda, as afiliacións medran un 1,8% e as horas traballadas un 1,6% fronte ao 2,1% e 1,7% rexistrados no ano precedente. No perfil do emprego novo, no informe destacan as mulleres e os estranxeiros non comunitarios. "A meirande parte do emprego creado é emprego asalariado, diminuíndo, pola contra, o número de persoas empresarias empregadoras", afirman. Por último, todo o emprego creado é segundo o informe presentado indefinido, "salientando ao mesmo tempo o maior dinamismo do emprego a tempo parcial que a tempo completo". No que ao desemprego se refire, as taxas recollidas reflicten que afecta en maior medida ás mulleres, persoas menores de 25 anos, estranxeiros e cidadáns con estudos primarios.