DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Debido ás emisións de gases de efecto invernadoiro

A estratosfera terrestre contráese a un ritmo de máis de 100 metros por década desde 1980A estratosfera terrestre contráese a un ritmo de máis de 100 metros por década desde 1980

Investigadores da UVigo participan nun estudo internacional no que se demostra por primeira vez este

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Ourense 10/05/2021

A estratosfera, a capa da atmosfera terrestre que se estende entre os 20 e os 60 quilómetros de altitude e onde se sitúa a capa de ozono, contraeuse a un ritmo de máis de 100 metros por década desde 1980. Esta é unha das conclusións dun estudo internacional realizado por investigadores e investigadoras de cinco países, entre eles os físicos da Universidade de Vigo Juan Antonio Añel e Laura de la Torre, e no que por primeira vez se demostra este fenómeno de contracción. A súa causa sitúana nas emisións de gases de efecto invernadoiro.

Os resultados do estudo veñen de ser publicados na revista Environmental Research Letters, nun artigo titulado Stratospheric contraction caused by increasing greenhouse gases. Ademais dos dous membros do Grupo Ephyslab (Centro de Investigación Mariña-Universidade de Vigo) asinan o traballo investigadores de sete centros de investigación de República Checa, Alemaña, Estados Unidos e Austria. Trátase de Petr Pisoft, Petr Sacha, Lorenzo M. Polvani, Roland Eichinger, Ulrich Foelsche, Petr Huszar, Christoph Jacobi, Jan Karlicky, Ales Kuchar, Jiri Miksovsky, Michal Zak e Harald E. Rieder.  

Perda de 1,3 quilómetros para 2080

O aumento das emisións de gases de efecto invernadoiro provocados polo ser humano, recóllese no artigo, teñen causado nas últimas décadas o quecemento da troposfera (a capa da atmosfera que está en contacto coa superficie da Terra) e o arrefriamento da estratosfera (a capa da atmosfera terrestre que se estende entre os 20 e os 60 quilómetros de altitude e onde se sitúa a capa de ozono). Estes cambios de temperatura teñen provocado á súa vez cambios na expansión/contracción destas capas. Así, explica Juan Antonio Añel, “sábese desde principios da década de 2000 que a troposfera do noso planeta estase expandindo debido ao cambio climático. Ao mesmo tempo, tense proposto a hipótese de que a estratosfera estaría a contraerse, hipótese baseada en parte na perda da capa de ozono e en parte no efecto das emisións de gases de efecto invernadoiro”.

Segundo indica o físico da Universidade de Vigo, no traballo agora publicado “por primeira vez demostramos que isto é certo: que a estratosfera terrestre contraeuse a un ritmo de máis de 100 metros por década desde 1980 e ademais mostramos que a causa deste fenómeno son as emisións de gases de efecto invernadoiro”. Igualmente, engade, no estudo realizado “descubrimos que nun escenario plausible de cambio climático, durante os próximos 60 anos (para 2080), a estratosfera do noso planeta pode perder case o 4% da súa extensión vertical (1,3 quilómetros), en comparación con 1980”. Sobre a orixe deste fenómeno, no traballo demostran que “a perda de ozono non é a principal causa, senón que o é as emisións de gases de efecto invernadoiro”.

Respecto ao acontecido antes de período analizado, Juan Antonio Añel apunta como “podemos lanzar a hipótese de que esta contracción tamén ocorreu antes da década de 1980” e polo tanto “a contracción total da estratosfera é probablemente maior que os 400 metros que xa temos observado”. Porén, antes da década de 1980, advirte o investigador do campus de Ourense, non hai suficientes datos para verificalo.

Para a demostración realizada no estudo, detallan os investigadores da UVigo, empregáronse “datos de reanálise, un tipo de datos que mesturan varios tipos de medicións da atmosfera (satélites, observacións directas con sondas, etc.) e 14 modelos climáticos”. Estes datos de reanálise, detallan, “son os que nos permitiron corroborar o fenómeno no período 1980-2018 e os modelos facer a proxección a futuro”.

Impacto de futuro

Sobre as implicacións do fenómeno descrito, Juan Antonio Añel sinala que ademais da “evidente alteración do fráxil equilibrio do noso planeta”, hai que considerar o impacto que podería ter esta contracción nas traxectorias dos satélites e as súas medicións e os impactos potenciais, aínda por comprender completamente, que podería provocar na precisión dos sistemas de posicionamento global (como GPS e Galileo) e a transmisión de sinais de radio en todo o planeta debido ao movemento das capas atmosféricas. Igualmente, indica como “o espesor estratosférico ten o potencial de converterse nun novo indicador do cambio climático, baseado nun só valor, como outros máis comunmente utilizados”. Debido ao calibre destes impactos e aos resultados do estudo realizado, o físico recalca como “será un desafío no futuro” “obter observacións mellores e máis completas da parte superior da nosa atmosfera para avaliar a contracción da estratosfera”.