DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dunha convocatoria dirixida a estudantes e titulados de Belas Artes de toda España

Unha exposición busca reunir as abordaxes da idea de “arte múltiple” das novas xeracións

As obras seleccionadas exhibiranse na Sala Profesor Manuel Moldes

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 08/03/2024

Promover unha reflexión sobre as “novas derivas” da arte gráfica e sobre a reformulación dos seus procesos formais, técnicos e conceptuais cara unha “arte múltiple máis complexa e expansiva, que se instala no espazo”. Ese é o obxectivo dunha convocatoria impulsada polo grupo de investigación dx5 (Digital & graphic art research) e aberta tanto á participación de estudantes de Belas Artes e de estudos artísticos superiores de toda España, como de titulados e tituladas de 2014 en diante. O seu obxectivo é seleccionar as obras que formarán parte de Germinal, a exposición que o grupo dx5, en colaboración coa facultade, promoverá en maio na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes.

Ata o vindeiro martes 12 de marzo permanece aberto o prazo de presentación de proxectos a unha convocatoria dirixida a obras múltiples ou seriadas, instalacións e outra serie de intervencións “en cuxa esencia se mostre a multiplicidade”. Deste xeito, Germinal buscará abordar a incidencia da formación artística actual no desenvolvemento de proxectos de arte múltiple, que achegan novas perspectivas a “conceptos fundacionais” da arte gráfica, como a idea de matriz e pegada ou os “procesos de repetición e transformación”, como sinalan desde o grupo de investigación. Dos proxectos presentados seleccionaranse entre catro e seis para unha exposición que se insire no proxecto O múltiple que ocupa o espazo, que o grupo desenvolverá coa colaboración do Concello de Pontevedra e o financiamento da Xunta de Galicia, no marco das axudas a grupos de referencia competitiva, e cuxa programación presentarase proximamente.

As obras seleccionadas exhibiranse a partir do 8 de maio na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes, que o vindeiro xoves 14 de marzo inaugura nova exposición, The making of a painting / Facer unha pintura, na que se presentan os resultados do traballo desenvolvido polo artista inglés Simon Callery coa colaboración dun grupo de estudantes de Belas Artes.