DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celebra este xoves no pavillón universitario a súa segunda edición

A Feira EmpregoInCampus Ourense xunta a arredor de 400 estudantes e 70 empresas e institucións

Con representación dos sectores vinculados ás diferentes titulacións

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Feiras e exposicións
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Ourense 18/04/2024

A cita de referencia anual co emprego no campus de Ourense, a Feira EmpregoInCampus, celebrou este xoves a súa segunda edición. Nela o alumnado dos seus nove centros (especialmente o dos últimos cursos de grao, de doutoramento e de mestrado) puido coñecer de primeira man as oportunidades de desenvolvemento profesional que lles ofrecen arredor de 70 entidades públicas e privadas de diversos sectores e contactar directamente con elas.

A actividade, que se desenvolveu no pavillón de deportes universitario, estivo organizada pola Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo co apoio da Vicerreitoría do campus de Ourense e das súas escolas e facultades. Contou con 42 stands, dez mostradores informativos de institucións e unha zona específica na que alumnado da Escola Superior de Enxeñaría Informática puido realizar entrevistas persoais con 25 empresas. A listaxe de entidades participantes na feira foi moi diversa e o estudantado puido achegarse a postos de empresas e organizacións de sectores vinculados ás diferentes titulacións que se imparten no campus ourensán, desde a alimentación e a enxeñaría ata asociacións de diferentes eidos e centros tecnolóxicos. Igualmente participaron institucións como a Xunta de Galicia, o Inorde (Deputación de Ourense), a Axencia Tributaria e o Ministerio de Defensa. Tamén houbo un espazo específico da Área de Emprego e Emprendemento da UVigo no que o estudantado tiña a posibilidade de facer o seu Pasaporte de Emprego, recibir consellos sobre como mellorar o currículo e afrontar entrevistas e mesmo facerse unha foto profesional para o seu curriculum.

A feira contou cunha visita institucional de peche á que asistiron, entre outras autoridades, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; José González, conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia; Marta Nóvoa, vicepresidenta da Deputación de Ourense; Emilio González, subdelegado do Goberno; Aníbal Pereira, tenente alcalde da cidade, e Jesús Antonio Peñas, subdelegado de Defensa.

Talento e oportunidades

Durante o desenvolvemento da feira, Natalia Capirrini, vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade da Universidade de Vigo, destacou desta edición a boa acollida tanto por parte das entidades, que, dixo, “moitas repiten do ano pasado e outras son novas incorporacións”, e do alumnado. Así, case 400 estudantes inscribíronse ben para a feira ben para as entrevistas de Enxeñaría Informática, cifra á que hai que engadir o estudantado que se achega por libre, xa que está aberta ás persoas interesadas. Sobre a relevancia da cita, a vicerreitora subliñou a importancia de que o alumnado, “antes de rematar a carreira, xa coñeza o que lle van a pedir as empresas, para que se poidan ir preparando para cando se teñan que incorporar ao mercado laboral”. Ademais, engadiu, a iniciativa ofrécelle ás empresas “a posibilidade de captar talento universitario”, apuntando que o contacto xurdido nestas feiras da UVigo en moitas ocasións se ten materializado en oportunidades laborais para as e os estudantes.

Do mesmo xeito, Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense, recalcou que “é moi importante para o desenvolvemento do noso alumnado achegalo ao mercado laboral a través de iniciativas coma esta”. O cambio do mundo académico ao laboral que teñen que afrontar en cuarto curso, indicou, “custa moito e esta feira pode axudarlles a dar ese salto do mellor xeito posible”.

Entre as e os primeiros estudantes que este xoves se achegaron ao pavillón de deportes estiveron Irene Penas, Lucía Fociños e Sandra Pardo, alumnas de primeiro curso do Grao de Dereito, que acudiron coa idea de “ir vendo horizontes profesionais” e poder ir enfocando a súa formación. A súa boa impresión da feira foi compartida por Anwer Nagi e Alicia Rojo, estudantes de cuarto curso do Grao de Enxeñaría Informática. “A feira paréceme unha boa oportunidade para achegarse ao mercado laboral, un bo punto de encontro no camiño da transición da vida universitaria á laboral”, explicou Anwer Nagi, especialmente interesado no eido da ciberseguridade. “A feira permítenos botar unha ollada ao mercado laboral e iso é moi interesante”, engadiu Alicia Rojo.