DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este xoves presentaron dous informes sobre este sector

O Foro Económico de Galicia avoga pola Intelixencia Artificial para a xeración de riqueza e competitividade

Resaltan "a necesaria mellora" nas infraestruturas e unha aposta pola formación

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI Ourense 01/06/2023

O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), presentou este xoves dous informes elaborados polos seus expertos e expertas sobre o papel da intelixencia artificial no tecido empresarial galego. Neles destacan que Galicia “non pode deixar de apostar polas enormes posibilidades que ofrece la IA” e inciden na necesidade de formación e de mobilización de recursos económicos para o fomento das empresas deep tech.

Segundo indican en nota de prensa desde a entidade, o “Foro Económico de Galicia considera determinante a implantación da intelixencia artificial nas empresas”. Os estudos presentados, sinalan, “amosan que os efectos provocados pola IA son unha mellora na eficiencia dos procesos, a xeración de coñecemento, a transformación dos modelos de negocio e un incremento do rendemento operativo”. Ademais, consideran que “unha estratexia ambiciosa na implantación da IA podería xerar claras vantaxes competitivas entre as comunidades autónomas e, polo tanto, un incremento da riqueza”.

Dous estudos

Os informes foron presentados na sede do  Consello Económico e Social en Santiago de Compostela. O estudo realizado máis recentemente foi o de María Bastida e Alberto Vaquero, docentes da USC e da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense respectivamente, sobre o Desenvolvemento da IA en Galicia. Nel fan unha diagnose do estado actual da IA no tecido empresarial galego, realizada tanto dende unha perspectiva cuantitativa coma cualitativa, incluíndo as opinións de membros do empresariado galego. “A principal conclusión deste informe é que a IA está nunha fase incipiente na comunidade galega, pero as empresas manifestan unha intención de adquirir tecnoloxías intelixentes superior á media nacional”, sinalan desde o Foro Económico de Galicia. Ademais, engaden sobre as conclusións deste informe “Galicia avanza na incorporación de formación en IA con iniciativas no marco do Sistema Galego de Universidades, fundamental para mellorar o grao de coñecemento e dominio das tecnoloxías. Isto permite intuír que a IA en Galicia pode converterse nunha vantaxe competitiva a curto prazo, aínda que para iso convén avanzar no afrontamento de eivas coma o tamaño medio empresarial ou a especialización produtiva, que poden supor barreiras para o completo desenvolvemento da IA na comunidade galega”.

O outro dos traballo presentados, titulado Unha estratexia en IA para a empresa galega, foi elaborado por Senén Barro (USC), Luis Otero (USC), Luis Pérez (Gradiant), Óscar González (ITG), Manuel Rodríguez (Deloitte) e Marcos R. Torres (USC) e realiza unha diagnose do estado e potencial da IA no tecido produtivo galego. Nel constatan que en sectores como a construción, a metalurxia e o inmobiliario (algúns deles tractores da economía galega) aínda "son dixitalmente menos avanzados e menos proclives a incorporar IA que outros sectores coma a industria, o turismo e o sector TIC. Entre os sectores galegos con sinais moi claros de aplicación da IA están o da industria, a  sanidade, a agricultura ou a enerxía".

En canto ás recomendacións, subliñan desde o Foro Económico de Galicia, “ambos  informes coinciden en que se debe apostar pola mellora nas infraestruturas, a aposta pola formación combinada no plano formal e informal e o reforzo das liñas de financiamento, incluíndo a posibilidade de creación dun fondo de investimento para as empresas deep tech, as empresas que desenvolvan estratéxicas específicas e que sirvan para que as pemes sexan organizacións áxiles e con capacidade para reaccionar rapidamente ante os cambios do mercado e posuír unha cultura de innovación”.