DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Lideradas por Verónica Salgueiriño, do grupo de Nanomateriais Híbridos

Investigadoras do CINBIO exploran novas estratexias terapéuticas para pacientes con trastornos do sistema inmune

Con fondos do Plan Complementario de Biotecnología Aplicada a la Salud para Galicia

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HRS4R
  • Investigación
  • Saúde
  • Investigación
DUVI 13/03/2024

As citoquinas son unhas proteínas que desenvolven un papel fundamental no noso organismo, pois facilitan a comunicación entre as células do sistema inmunolóxico, garantindo o seu correcto funcionamento e que a resposta inmunitaria sexa a desexada. Un desequilibrio na súa produción podería ser a causa dun desaxuste do sistema inmune, afectando incluso ao desenvolvemento de enfermidades autoinmunes, aquelas nas que o propio sistema inmunolóxico ataca ás células e aos tecidos do corpo. O coñecemento do funcionamento das citoquinas pode ser, por tanto, fundamental para o posible desenvolvemento de novos tratamentos que melloren a calidade de vida das persoas que sofren este tipo de doenzas.

Partindo desta base nace o proxecto de investigación Magnet-Il-18, coordinado pola investigadora Verónica Salgueiriño, líder do grupo de Nanomateriais Híbridos do CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomaterias e Biomedicina da Universidade de Vigo. A investigación arrancou a principios deste ano e, contando cun orzamento de 75.000 euros, prolongarase ao longo dun total de 18 meses, dentro do ‘Plan Complementario de Biotecnología Aplicada a la Salud’ en Galicia.

Xunto a Verónica Salgueiriño participan no proxecto as investigadoras do CINBIO Laura Maria Salonen, Julia N. Majcherkiewicz, Melodie Maceira Campos e Claudia Román Freijeiro, e a elas súmase tamén persoal investigador do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS) e do Instituto de Biomedicina de Sevilla (IBIS).

Nanoestruturas magnéticas con aplicacións biomédicas

As nano e microestruturas magnéticas empréganse en biomedicina, en terapia celular e hipertermia magnética para a liberación de fármacos e en técnicas de imaxe. Seguindo esta liña, o proxecto Magnet-Il-18 ten por obxectivo a funcionalización de nanoestruturas magnéticas coa citoquina IL-18 e a súa internalización mediante procesos de endocitose ou mediante internalización forzada magneticamente, co fin de estudar a resposta inflamatoria das células. 

“A nosa aspiración”, comenta Salgueiriño, “é correlacionar os resultados obtidos con datos de pacientes con trastornos do sistema inmune, como o VIH, con fin de explorar e presentar novas estratexias terapéuticas efectivas para este tipo de doenzas”. Para isto, as científicas do CINBIO implicadas neste proxecto traballarán na síntese, caracterización e funcionalización das nanoestruturas e nos ensaios celulares. 

O proxecto supón para elas “unha oportunidade para traballar nunha contorna de aplicacións biomédicas, enfocándoas á correlación directa de resultados de nanoestruturas e ensaios celulares con datos de pacientes”, subliña Salgueiriño.

Fondos para terapias avanzadas en medicina personalizada

Magnet-Il-18 forma parte do Plan Complementario de Biotecnología Aplicada a la Salud, cofinanciado polo Ministerio de Ciencia e Innovación con fondos da Unión Europea NextGenerationEU; o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e varias comunidades autónomas, entre as que se atopa Galicia. O seu obxectivo principal é o desenvolvemento de ferramentas para o diagnóstico, prognóstico e terapias avanzadas, ou dirixidas, en medicina personalizada.