DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dispoñen de anteparos transparentes de separación entre os postos

Máis de 70 aulas de informática dos tres campus, listas para o comezo das clases

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Saúde
  • Institucional
M. Del Río DUVI 18/09/2020

A totalidade das aulas de informática coas que conta a Universidade de Vigo nos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra estarán preparadas, a partir deste luns, para poder comezar o curso académico con todas as medidas de seguridade. 

As persoas usuarias poderán empregalas tanto para o estudo como para as prácticas con total seguridade tras adaptalas ás normas e protocolos sanitarios derivados da pandemia da covid-19. Como explica o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez, “nas aulas con suficiente espazo optouse por separar as mesas garantindo unha distancia mínima de 1,5 metros, pero na maioría decidiuse instalar anteparos transparentes que permiten o uso individualizado dos ordenadores e a optimización dos recursos respectando as medidas hixiénicas”. En total, son arredor de 70 salas de informática nas que se están a instalar os anteparos e máis de 1500 postos os que contarán con esta protección que estarán a disposición do alumnado a partir deste luns 21, cando arranca oficialmente o curso académico.

Redución de capacidade e protección para teclados e ratos

Por outra banda, apunta o vicerreitor, tamén se decidiu reducir a capacidade dalgunhas salas “ao 75% do aforo para incrementar a seguridade”. Ademais, o uso da máscara é obrigatorio en todas as instalacións universitarias en todo momento e, antes de entrar nas aulas, as persoas usuarias deben lavar as mans utilizando auga e xabón ou hidroxel. No caso de usar os ordenadores da aula, deberase colocar un film plástico sobre o teclado e o rato. Unha vez rematada a sesión, esta protección de debe retirarse e depositarse nas papeleiras con tapa situadas para tal efecto.