DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realizado por case unha vintena de estudantes do campus

Unha nova promoción do curso de intervención socioeducativa con persoas con alzhéimer remata a súa formación

Froito da colaboración da asociación Afaor, a Fundación Dorzán e a UVigo

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cursos
  • Estudantado
  • Saúde
  • Estudantes
DUVI Ourense 05/04/2024

Este venres celebrouse no campus de Ourense a clausura e entrega de diplomas do XII Curso de Intervención Socioeducativa con Persoas Afectadas pola Enfermidade de Alzhéimer. A formación lévase a cabo cada curso académico na Facultade de Educación e Traballo Social froito da colaboración entre a Asociación de Alzhéimer de Ourense-Afaor, responsable da actividade, a Fundación Dorzán e a Universidade de Vigo.

A actividade desenvolveuse cada venres dos últimos meses. A vintena de persoas inscritas, alumnado de diferentes cursos da citada facultade, adquiriron coñecementos sobre a enfermidade de alzhéimer e demencias similares, sobre os tratamentos farmacolóxicos, os recursos institucionais, o tratamento legal, o papel das familias nestas enfermidades ou a bioética, entre outros aspectos. Especialistas en cada unha das materias foron os encargados de impartir a docencia de 40 horas do curso, que logo se complementou coa realización de 20 horas de prácticas titorizadas por Afaor.

Na clausura desta edición, Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social; Secundino Vidal, vicepresidente da Fundación Dorzán, e Sara Ruíz, vicepresidenta de Afaor, destacaron a boa acollida unha vez máis deste curso e a importancia de apostar pola formación neste eido e mellorar así a calidade de vida das persoas afectadas por este trastorno neurolóxico progresivo e das súas familias. Deste xeito, amosaron o seu desexo de que a formación teña unha nova edición o vindeiro curso académico.