DUVI

Diario da Universidade de Vigo

‘Tomás, cuando el silencio es complicidad’ inaugurou a Mostra de Teatro Universitario

Unha obra chegada desde Colombia levanta o pano da XV Miteu

A programación continúa este venres e completarase con tres espectáculos a vindeira semana

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Teatro
  • Cultura
DUVI Pontevedra 25/04/2024

Dirixida tanto a mostrar á cidadanía os resultados do traballo realizado nas aulas teatrais da UVigo como a achegar propostas escénicas prodecentes doutros países, a XV Mostra Internacional de Teatro Universitario de Pontevedra (Miteu) botou a andar na noite deste mércores pondo o foco nese segundo propósito. Non en van, a encargada de inaugurar esta programación foi a compañía colombiana Sin Mente Teatro, que presentou na cidade a súa obra Tomás, cuando el silencio es complicidad, coa que nos últimos días participou tamén nas Miteu de Ourense e Vigo. Impulsada en 2015 por estudantes da Universidad Distrital Francisco José de Caldas, de Bogotá, esta compañía levou ao escenario do Teatro Principal unha montaxe dirixida por Germán Frasio. A través da combinación da linguaxe corporal e musical co manexo de monicreques, as actrices Diana Rocha e Edna León e o actor e músico Diego Cañón representaron sobre as táboas a historia dunha personaxe sumida na culpa, tras ser testemuña, explican, “dun escuro episodio na infancia do seu amigo Tomás”.

Promovida pola Vicerreitoría do campus, coa colaboración do Concello, a programación desta Mostra Internacional de Teatro Universitario continúa este venres 26 con Antropoloxía do bico (O síndrome do túnel carpiano), a cargo da aula de teatro da Universidade de Santiago de Compostela. Xa a vindeira semana, esta mostra teatral continúa con tres novas funcións, todas elas ás 20.30 horas no Teatro Principal e con entrada libre. Nese senso, o luns 29 poderá verse Desequilibrios, unha obra do grupo Maricastaña do campus de Ourense, dirixida por Fernando Dacosta e inspirada no libro Alguén voou sobre o niño do cuco, de Ken Kesey. Nesa mesma semana, o xoves 2 de maio poderá verse a adaptación que a aula teatral do campus de Vigo realizou de Soño dunha noite de verán, de Shakespeare, baixo a dirección de Sonia Alfaro e Casilda Rúa, pechándose esta edición da Miteu, o venres 3, con Estupidez Artificial. Dirixida por Omar Ferrín e Salvador del Río, esta obra é o resultado final do traballo desenvolvido ao longo do curso no obradoiro de teatro do campus pontevedrés. Trátase dun espectáculo conformado a partir de textos de Manuel Cortés, Ana Abad de Larriva e Déborah Vukusic, que teñen como nexo de unión a intelixencia artificial.