DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coas súas dez prazas cubertas, reúne a deportistas, adestradores e alumnado universitario

Un obradoiro pon o foco no papel fundamental que os aspectos psicolóxicos xogan no deporte 

Busca achegar técnicas e ferramentas que permitan integrar o traballo mental no adestramento

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Académica
DUVI Pontevedra 09/03/2021

Os aspectos psicolóxicos xogan no deporte “un papel fundamental en todo momento, desde a iniciación en nenos ata o alto rendemento profesional”, salienta o consultor, adestrador e alumno de doutoramento Hugo Fernández, responsable do taller que nestas semanas afonda nas técnicas e ferramentas que permiten integrar o traballo psicolóxico no adestramento deportivo. Inserido no programa de obradoiros de Extensión Universitaria da Vicerreitoría do campus, o taller Adestramento mental integrado no deporte, que se desenvolve ata finais de marzo en Ciencias da Educación e do Deporte, cubriu as súas dez prazas tanto con alumnado de diferentes titulacións como con deportistas e adestradores, aos que, como explica Fernández, tratará de amosar como “integrar esas ferramentas e técnicas de adestramento psicolóxico dentro da súa metodoloxía”.

Xunto ao profesor da facultade, psicólogo e adestrador profesional de baloncesto Rubén Domínguez, Hugo Fernández é o responsable de impartir un obradoiro que desenvolve no presente curso a súa segunda edición, na que reduciu a dez as súas prazas co obxectivo de garantir as medidas de distanciamento que esixe a covid-19, así como para poder traballar cun “grupo reducido” e adaptar “os contidos máis concretos ao perfil do alumnado e os seus intereses”. A finalidade deste taller, que arrincou cunha primeira sesión virtual o 26 de febreiro para logo pasar xa ao formato presencial, é “proporcionar ferramentas aos participantes para desenvolver a súa actividade profesional con maior calidade”, salienta Fernández, formador especializado no rendemento de persoas, equipos e organizacións e adestrador no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD).

Unha “materia pendente” que vai máis aló do rendemento

Como explica Fernández, “o traballo de adestramento mental integrado no deporte debe ser planificado e orientado ás necesidades do propio deportista, traballando así na súa mellora e nos seus obxectivos”. Trátase polo tanto, dun traballo que debera estar “implícito en todo proceso de ensinanza-aprendizaxe de calquera habilidade ou técnica deportiva”, pero que á súa vez é tamén, sinala, “unha materia pendente” en diversos ámbitos e disciplinas deportivas. Nese senso, Fernández recoñece que se trata dunha disciplina “á que cada vez se lle dá máis importancia” e na que cada vez hai un maior número de profesionais formados, mais tamén na que aínda “hai moito por facer e, sobre todo, por concienciar”, tendo en conta que non se limita á mellora do rendemento, senón que é tamén aplicable “na saúde, educación, ocio e tempo libre, xestión de entidades deportivas, deporte escolar...”. 

Mellora deportiva e transmisión de valores

O adestramento mental contribúe á mellora do rendemento, “non só a nivel psicolóxico, senón tamén a nivel táctico e físico”, máis tamén contribúe, sinala Fernández, “de forma fundamental” ao “desenvolvemento integral da persoa” e a súa formación en valores. “O deporte transmite uns valores esenciais para a sociedade, como o esforzo, a resiliencia, o traballo en equipo, a igualdade, o respecto, o humanismo, a perseveranza..., e estes valores deben ser transmitidos e inculcados polos propios profesionais dentro do deporte”, sostén o responsable deste obradoiro.

De aí que as ferramentas para a transmisión de valores e o papel do adestrador e adestradora como “educador de persoas” formasen parte dos contidos do módulo que a pasada semana impartiu Rubén Domínguez, quen tamén abordou o papel do psicólogo e do coach deportivo e os principios do adestramento mental integrado no contexto deportivo. Previamente, Fernández afondou na sesión inicial en aspectos como os factores que inflúen no rendemento e na planificación e programación do adestramento mental integrado, para logo deterse, nas próximas semanas, nas ferramentas para a mellora do rendemento e nos conceptos de “autoconciencia e automotivación”. Por último, o taller pecharase coa presentación dunha serie de “casos de éxito”, á vez que pondo o foco na metodoloxía aplicable a deportes individuais e de equipo. “As principais diferencias son basicamente que, en deportes colectivos, ademais de variables comúns, como autoconfianza, motivación, control da activación, atención e concentración, control emocional..., tamén hai outras como o liderado, a comunicación e a cohesión”, explica Fernández, que apunta que se ben o traballo con deportistas de disciplinas individuais leva a centrarse “nos seus obxectivos e necesidades”, no caso dos deportes colectivos é preciso sumar a estes “os obxectivos comúns e grupais”.