DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa Orquestra Sinfónica Vigo 430, Cuchús Pimentel e Jorge Castañeda

Ourense acollerá este ano o Concerto de Nadal da Universidade

Será o xoves 16 de decembro no Auditorio Municipal

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 03/12/2021

O tradicional Concerto de Nadal da Universidade de Vigo celebrarase este ano en Ourense e correrá a cargo da Orquestra Sinfónica Vigo 430, baixo a dirección de Isabel Rubio, e coa participación como solistas dos músicos Xesús Pimentel Cuchus e Jorge Castañeda. Será o xoves 16 de decembro, ás 20.30 h, no Auditorio Municipal, e nel as guitarras flamencas e as bandas sonoras do cine terán un protagonismo destacado.

O concerto, explica Natalia Caparrini, vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, forma parte das actividades recollidas no convenio de colaboración asinado pola institución académica coa Orquestra Vigo 430. Dito convenio incluía a celebración dun concerto de Nadal en cada un dos tres campus da UVigo. Celebrados xa os de Vigo e Pontevedra en anos anteriores, quedaba pendente o de Ourense, que debido á pandemia se tivo que aprazar.

Como novidade respecto ao pasado ano, nesta ocasión o concerto está previsto que sexa con público, xa que a situación sanitaria así o permite. “En principio, está todo preparado para que sexa presencial, cun 100% de aforo, e cumprindo toda a normativa vixente”, sinala Natalia Caparrini. Lembrando como “a promoción e difusión da cultura é un dos obxectivos e fins da Universidade, recollido no seu estatutos”, a vicerreitora subliña que “vai a ser un concerto moi bonito, de reencontro de toda a comunidade universitaria, nunhas datas tan especiais coma estas”.

Guitarras flamencas e cine

O concerto subirá ao escenario á Orquestra Sinfónica Vigo 430. Trátase dunha formación, recoñecida en 2014 cos Premios Martín Códax na categoría de música clásica e contemporánea, que naceu no ano 2005 de xeito independente e co obxectivo de crear unha agrupación musical de calidade, que estivera formada na súa maior parte polas novas xeracións de músicos saídos dos conservatorios galegos. Xunto a eles, no concerto en Ourense estarán como solistas os guitarristas Xesús Pimentel Cuchus e Jorge Castañeda.

O programa consta de dúas partes. A primeira é Almudaina, concerto para dúas guitarras flamencas e orquestra. “Almudaina é a primeira obra de carácter sinfónico do compositor e guitarrista Xesús Pimentel. Composta entre febreiro e setembro de 2013 en Palma de Mallorca, foi estreada no marco do VIII Festival de Guitarra de Varsovia, con grande éxito de crítica e público”, explican desde a organización do evento. No concerto en Ourense interpretaranse as súas pezas Trenc D´Alba (Ritmo de seguiriya); Processó (Tientos);  Darrer Blau (Alegrías) e Sa Sibil-la (Zambra Fantasía). A segunda parte do Concerto de Nadal será Música de cine, coas tres suites temáticas de Brais González, tituladas A época dourada, catro décadas de cine, Maxia e animación e Ciencia e ficción. “O compositor vigués e grande especialista en música de cine Brais González levaranos a unha travesía de máis de seis décadas percorrendo os principais expoñentes musicais e cinematográficos da historia de Hollywood”, comentan desde a organización do concerto.

Os membros da comunidade universitaria xa poden descargar na web da UVigo, no Campus Activo, o seu convite (dous por persoa). Haberá un autobús desde Pontevedra e Vigo para a asistencia a Ourense, condicionado ao número de persoas que o soliciten. O prazo permanecerá aberto ata o remate do número de invitacións ou ata as 14.00 h do día 14 de decembro. Se tras este prazo quedan dispoñibles invitacións, poranse a disposición das persoas alleas á comunidade universitaria que as soliciten.