DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvólvese este mércores 13 e o xoves 14 en cinco instalacións da cidade

Preto de 650 estudantes participan en Pontevedra no Campionato Galego Universitario de Deportes Colectivos

Abrangue competicións de fútbol, fútbol sala, balonmán, baloncesto, voleibol e rugby

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 13/03/2024

Preto de 650 estudantes das tres universidades públicas galegas participan desde a mañá deste mércores en Pontevedra no XXVI Campionato Galego Universitario de Deportes Colectivos. Organizada pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo, a competición abrangue seis modalidades deportivas e desenvólvese ao longo das xornadas de mércores e xoves, coa colaboración do Concello, en cinco instalacións deportivas da cidade. Con competicións femininas e masculinas de fútbol, baloncesto, voleibol, fútbol sala, balonmán e rugby, un total de 35 equipos toman parte neste campionato, que dará aos gañadores e gañadoras a posibilidade de participar na fase final dos Campionatos de España Universitarios.

Coa excepción do balonmán feminino, no que só compiten a UVigo e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), o resto das competicións desenvolveranse en formato de triangular, coa participación en todas elas dun equipo de alumnas ou alumnos da Universidade da Coruña, da USC e da UVigo. No caso da institución viguesa, estes están conformados por seleccións realizadas coa colaboración das diferentes federacións, coa excepción dos conxuntos gañadores do torneo Intercampus de fútbol e fútbol sala, por ser as únicas modalidades que reuniron o número mínimo de participantes nas ligas internas estipulado, segundo explica o responsable da Área de Benestar, Saúde e Deporte no campus pontevedrés, Gustavo Loureiro.

Catro anos despois da última edición organizada pola UVigo, que tivo lugar en Pontevedra a comezos de marzo de 2020, o Campionato Galego Universitario desenvólvese desta volta dividido en dúas xornadas. Isto vén motivado, como explica Loureiro, “porque introducimos unha entrega de trofeos colectiva”, que terá lugar tanto o mércores como o xoves na Escola de Enxeñaría Forestal ás 16.15 horas, “e así non retrasamos moito a saída dos equipos participantes”. Nese senso, o campionato arrancou na mañá deste mércores coas competicións de fútbol, nos campos da Xunqueira; de voleibol, no Multiusos da Xunqueira, e de baloncesto, no Pavillón de Deportes Municipal e no Pavillón Universitario. Mañá xoves, o campionato completarase cos partidos de fútbol sala, tamén no pavillón municipal e no universitario; balonmán, no multiusos, e rugby, en Monteporreiro.