DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A andaina contará con 17 quilómetros de percorrido e dificultade media

As rutas universitarias achegaranse o sábado aos muíños do Folón e do Picón

Poden inscribirse membros da comunidade universitaria e persoas alleas a ela

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 13/03/2024

A programación 2024 das rutas culturais da Universidade de Vigo, organizadas pola súa Área de Benestar, Saúde e Deporte, continúa o sábado 16 de marzo coa Ruta Cultura da Auga. Muíños do Folón e do Picón (O Rosal)-A Guarda. A inscrición está aberta a membros da comunidade universitaria e persoas alleas a ela.

O roteiro, o oitavo deste curso académico, conta cunha distancia de 17 quilómetros e unha dificultade media, dado o ascenso que haberá nos cinco primeiros quilómetros. Seguirá o percorrido muíños do Folón e do Picón, Campo do Torroso, miradoiro de San Vicente e A Guarda, destacando a beleza das vistas do percorrido. A andaina, explican desde a súa organización, “ofrece ás persoas visitantes a oportunidade de mergullarse na rica historia galega mentres exploran un fascinante conxunto de muíños construídos entre os séculos XVII e XVIII”. Estes muíños, máis de 60 e declarados Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia, indican, “foron enxeñosamente deseñados para aproveitar a forza da auga, impulsando grandes rodas de pedra que xeraban fariña de millo, centeo e trigo para abastecer tanto á poboación local como ao seu gando”.

Inscrición

Como nas demais rutas universitarias, hai dispoñibles en total 55 prazas para os campus de Vigo e Pontevedra e outras 55 para o campus de Ourense, habendo autobuses para trasladar ás persoas participantes dende os tres campus da UVigo. A inscrición en cada ruta está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior á súa celebración no Campus Activo da institución académica. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores á súa celebración permítese a inscrición de calquera persoa interesada. O prezo oscila segundo o colectivo de pertenza e cada andaina recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración. Tras este roteiro seguiranlle outros por Las Médulas e Carnota, prolongándose a programación ata o 20 de abril.