Home/masculino/heterosexual versus muller/feminina/heterosexual. Este modelo binario de clasificar ao ser humano quedou fai xa tempo obsoleto, se é que algún día non o estivo. As dúas tradicionais categorías dan paso agora a outras identidades lexítimas que abranguen desde a homosexualidade ata a transexualidade e que amosan o plural, diverso e multidimensional que é o proceso da nosa construción como seres humanos sexuais. Para botar luz sobre este tema, para aclarar conceptos, para repasar a historia, para debullar ideas e sobre todo para provocar unha reflexión crítica, as doutoras da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense María Lameiras, Yolanda Rodríguez e Mª Victoria Carrera veñen de presentar o seu último libro, titulado Sexualidade e saúde. O estudo da sexualidade desde unha perspectiva de xénero. Falar de sexualidade, advirten as investigadoras, non é falar só da conduta sexual senón de identidade, de ser un ser sexuado no aquí, no agora e nun contexto social, político e histórico concreto.
01/10/2013