A verza galega, sinala o enxeñeiro agrónomo Jorge Armesto, é unha verdura, pertencente á mesma especie que a coliflor, o brócoli ou o repolo, “moi común en Galicia e no norte de Portugal, onde se emprega tanto para alimentar á poboación como ao gando”. Como alimento, sinala, presenta un grande interese xa que posúe elevadas cantidades de determinados compostos bioactivos cunha elevada actividade antioxidante, como son os fenois ou o ácido ascórbico. Tendo en conta estes dous factores de relevancia e calidade, o investigador centrou a súa tese de doutoramento na análise da composición deste produto, analizando por primeira vez tanto as diferenzas de calidade entre as súas variedades rizada e lisa como os efectos no produto dos diferentes métodos de cocción.
24/10/2017