Realizada por Daniela Rodrigues-Amorim, do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur
Unha tese identifica varios biomarcadores que axudarán a realizar un mellor diagnóstico e tratamento da esquizofrenia
A investigación ten unha aplicabilidade inmediata na práctica clínica e unha repercusión directa no
Aínda que a esquizofrenia é un trastorno en moitas ocasións incapacitante, o diagnóstico e o tratamento precoz permite reducir o impacto do trastorno e proporcionar unha mellor calidade de vida ao paciente. Neste contexto cobran especial relevancia os resultados de estudos como o levado a cabo pola investigadora do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur Daniela Rodrigues-Amorim, autora dunha tese de doutoramento defendida na Universidade de Vigo na que conseguiu identificar varios biomarcadores en sangue que poden axudar aos psiquiatras nos seus diagnósticos e a decidir o mellor tratamento para cada paciente.
“Trátase de conseguir desenvolver un panel de biomarcadores en sangue que axuden aos psiquiatras no seu traballo diario para diagnosticar, tratar e entender a evolución desta enfermidade, cunha aplicabilidade inmediata na práctica clínica e unha repercusión directa no paciente”, explica a investigadora, ao que engade que o obxectivo era buscar moléculas en mostras de sangue que axudasen no diagnóstico, prognóstico e recoñecemento dun patrón neurodexenerativo da esquizofrenia.
As alucinacións, os delirios, a desorganización do pensamento e a linguaxe e comportamentos estraños son algúns dos síntomas máis comúns dunha enfermidade que acostuma traer consigo importantes dificultades, tanto a nivel persoal, como familiar e social para quen a sofre. A súa orixe asóciase a factores diversos, uns intrínsecos (como a herdanza xenética, por exemplo) e outros extrínsecos (como o estrés, abuso de substancias, infeccións virais ou complicacións obstetricias). Administrar un tratamento adecuado para frear ou retardar a progresión da doenza é un paso crucial para diminuír o deterioro cognitivo, funcional e social que sofre o paciente co paso do tempo.
Os resultados deron lugar xa a diferentes publicacións científicas
Dirixida polos doutores José Manuel Olivares e Carlos Spuch do Grupo de Neurociencia Traslacional do IISGS, con sede no Hospital Álvaro Cunqueiro, a tese deu lugar xa a diferentes publicacións científicas. Na primeira publicación describían tres moléculas que poderían medirse en sangue como potenciais biomarcadores de diagnóstico e prognóstico na esquizofrenia. Posteriormente, identificáronse outras tres moléculas asociadas á neurodexeneración nesta enfermidade, nun grupo particular de pacientes que presentaban unha evolución máis grave do trastorno, asociada á falta de resposta ao tratamento habitual. Este segundo achado, tamén publicado nunha prestixiosa revista da especialidade, supón un avance na comprensión da esquizofrenia e a identificación de tres potenciais biomarcadores de neurodexeneración e progresión do trastorno.
Posible orixe molecular da esquizofrenia
Por último, o grupo identificou outras catro moléculas asociadas ao dano neuronal, permitindo xerar unha nova teoría sobre a orixe da esquizofrenia, segundo a cal, compoñentes que están entre as células (denominado matriz extracelular) poderían provocar as alteracións no funcionamento das mesmas. Este último achado foi xa aceptado para a súa publicación na revista Cellular and Molecular Neurobiology (2021). Nesta liña o director do grupo, o doutor Olivares, conclúe que “como sucede cos traballos de investigación que buscan respostas a problemas científicos, esta tese ábrenos a porta a outras incógnitas aínda máis excitantes, xa que supón o primeiro paso para poder desenvolver sistemas de detección con axuda da nanotecnoloxía e os biosensores, e por que non, abrir a porta a unha nova hipótese sobre a posible orixe molecular da esquizofrenia”.