DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través do convenio asinado coa asociación organizadora deste encontro do emprendemento

A Universidade continuará impulsando o Pont-Up Store

O reitor definiuno como unha "cita obrigada" en Pontevedra

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Emprender
  • Reitor
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Pontevedra 12/03/2024

Nacido en 2014, da man do grupo de investigación G4 Plus da Universidade de Vigo, Pont-Up Store celebrou o pasado mes de setembro unha década de traxectoria, na que deixou un balance de 380 empresas participantes, máis de 170.000 visitantes e a organización de 300 actividades complementarias. Impulsado pola Universidade de Vigo, co Concello de Pontevedra como patrocinador principal e o apoio de preto de 50 entidades públicas e privadas, a organización do evento pasou a ser responsabilidade da Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, tras a xubilación do profesor da UVigo e responsable do grupo G4 Plus, Pedro Figueroa. Non obstante, este encontro do emprendemento seguirá contando coa Universidade de Vigo como promotora, tras a sinatura dun convenio de colaboración entre a institución académica e a asociación.

Este acordo foi asinado na Vicerreitoría do campus de Pontevedra polo reitor da UVigo, Manuel Reigosa, e por Figueroa, como presidente da asociación. “Pont-Up Store é unha iniciativa que foi medrando e que xa é unha cita obrigada no concello de Pontevedra”, lembrou Reigosa, que explicou que o propósito deste convenio é que “a Universidade de Vigo siga ligada a esta iniciativa”. Desde 2022, o encontro tiña como organizadores tanto grupo G4 Plus e á asociación, pasando agora esta última a ser responsable de coordinar o encontro, tras a xubilación de Figueroa e o cese da actividade do grupo de investigación. Nese senso, o reitor destacou que tanto este convenio marco como “os distintos acordos aos que vaiamos chegando” permitirán que a UVigo “achegue o seu gran de area a que esta iniciativa siga medrando” e contribuíndo a enriquecer e dar visibilidade as actividades en materia de empregabilidade e emprendemento que se desenvolven no campus pontevedrés, 

“A Universidade vai seguir sendo impulsora do Pont-Up Store”, engadiu Figueroa, que apuntou á posibilidade de que este convenio marco permita posteriormente explorar novas vías de colaboración coa asociación, alén do propio encontro que cada mes de setembro se desenvolve en Pontevedra, combinando a presentación de proxectos emprendedores cun programa de actividades complementarias en diferentes puntos da cidade. Nese senso, Figueroa sinalou a vontade da asociación de colaborar na realización de prácticas nas empresas asociadas ou en traballos de fin de grao ou mestrado centrados no emprendemento, así como poderen proxectos de I+D e de transferencia que se promovan desde a institución académica.