DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Despois de clasificarse para a fase final A4 da primeira división sénior

A categoría masculina de baloncesto do campus xogará o ascenso á Liga EBA

Os equipos de xadrez rematan a tempada co obxectivo da permanencia cumprido

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 29/04/2019

Esta fin de semana os resultados en baloncesto e xadrez foron os protagonistas da actividade deportiva dos equipos do campus de Ourense. As dúas categorías de baloncesto acadaron vitorias nos partidos disputados, clasificándose a masculina para xogar o ascenso á Liga EBA. Polo que respecta ao xadrez, os representantes do campus remataron a tempada co obxectivo da permanencia acadado.

Bos resultados en baloncesto

O Universitario Campus de Ourense de baloncesto masculino xogou o sábado nas instalacións universitarias o último encontro da segunda fase (A1) da liga regular na primeira división, acadando unha vitoria por 66-60 fronte a Bbca Castelo de San Felipe. Situado con este resultado no quinto posto do grupo, os xogadores do campus de Ourense clasificáronse para xogar a fase final A4 da primeira división sénior de baloncesto. Esta fase disputarana os equipos clasificados nos postos de dous a cinco da liga e quen gañe terá o ascenso á Liga Eba. Trátase, afirman desde o equipo universitario, “dun gran logro para nós”. Polo que respecta á categoría feminina de baloncesto do campus, as xogadoras gañaron o domingo por 45-52 na súa visita ao Calasancias. Con este resultado mantéñense no segundo posto da primeira división autonómica feminina, con 20 vitorias e tres derrotas.

Última xornada de liga en xadrez

Os equipos de xadrez do campus de Ourense disputaron esta fin de semana a última xornada da liga galega de xadrez. Na primeira división, o Universitario de Ourense A gañou pola mínima na casa contra Xadrez Ourense B, sendo o resultado final de 2,5-1,5, con vitoria de César Pérez e táboas de Manuel Álvarez, Álvaro Suárez e Ángel Vázquez. Na segunda división, o representante do campus conseguiu unha vitoria tamén nas instalacións deportivas do campus por 3-1 contra Xadrez Ourense E, con vitorias de Miguel Reza e Adrián González e táboas de Marcos Reza e José Jaime González-Viso. Por último, na terceira división o equipo universitario empatou na casa contra Xadrez Ourense D, con vitoria de Paulius Mitka, táboas de Mateo Dibuja e Rodrigo Arias e derrota de Favio Fuentes. “Foi unha boa tempada xa que acadamos o obxectivo que nos marcados ao inicio da liga de conseguir a permanencia de todos os equipos”, comenta Lino Hermida en nome do club de xadrez do campus de Ourense.