DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O centro acolle a conferenciantes chegados de Chequia e Grecia

A situación política da República Checa abre a semana internacional de CCSS e da Comunicación

A facultade celebrou tamén este martes a clausura da oitava edición de Augal

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Internacional
  • Académica
DUVI Pontevedra 23/04/2019

Dentro das accións incluídas no plan de internacionalización do grao en Dirección e Xestión Pública, polo que esta titulación ofrece a posibilidade de cursar diferentes de materias en inglés, figura tamén a organización na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da International Week, unhas xornadas nas que investigadores e investigadoras de diferentes países imparten unha serie de conferencias en inglés. A segunda edición desta iniciativa arrincou este martes coa presenza de tres investigadores da universidade checa de Pardubice, nunha xornada na que a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación celebrou tamén a clausura da oitava edición da Máster Class Audiovisual Galego Augal, que contou no presente curso con preto de 150 matriculados e matriculadas e que se pechou cunha conferencia sobre comercialización de produtos audiovisuais a cargo da coordinadora de Treeline Distribution, Elena Mera.

Populismo e euroescépticos

Os investigadores da Faculty of Economics and Administration da University of Pardubice Jan Fuka, Jiri Krupka e Edenel Brodsky protagonizaron este mediodía un coloquio co alumnado que, partindo do contexto da República Checa, abordou cuestións como a situación política actual do país, da Unión Europea e das administracións públicas. Fuka foi o encargado de abrir este coloquio cunha introdución á historia do seu país, para logo deterse no “gran cambio que supuxo pasar un sistema totalitario a unha democracia representativa”. A partires de aí, o propósito deste investigador da área da administración pública foi deterse no momento presente para abordar cuestións como a “crecente importancia” que ten no seu país o “populismo”, e en como no actual contexto político “perdeuse o sentido da división entre partidos de esquerdas e de dereitas”, diante de aspectos más relacionados “co márketing político e temas populistas”. Do mesmo xeito, os investigadores checos que levan a cabo unha estadía neste centro ao abeiro do programa Erasmus+, abordaron tamén a “crecente influencia das grandes empresas na política” do seu país ou a visión que a cidadanía checa ten da Unión Europea. “Penso que os checos atópanse entre os máis euroescépticos de toda Europa”, afirmou Fuka, quen na tarde deste luns participaba así mesmo nun seminario sobre política en Europa, promovido polos profesores Constantino Cordal e Celso Cancela, xunto ao investigador da Universidade Técnica de Tallín David Ramiro Troitiño.

Unha conferencia do investigador da Kadir Has University grega Pantelis Vatikiotis sobre medios alternativos en Grecia completa este xoves, ás 11.30 horas, esta International Week de CCSS e da Comunicación, que, como explica o vicedecano de Alumnado e coordinador de Relacións Internacionais da facultade, José Pita, naceu en 2018 co obxectivo de “concentrar nunha semana as visitas de profesorado estranxeiro” á facultade ofrecendo ao alumnado unha serie de conferencias en inglés sobre diferentes temáticas relacionadas cos ámbitos da xestión pública ou a comunicación.

Augal despídese poñendo o foco na comercialización do audiovisual
 

Ciencias Sociais e da Comunicación tamén acolleu, na tarde deste martes, a clausura da oitava edición de Augal, o ciclo de proxeccións, talleres e coloquios promovido polos profesores Paulino Pérez, Miguel Anxo Fernández e Fortunato Rodríguez, que ao longo dos últimos meses achegou ata esta facultade a diferentes profesionais do sector audiovisual galego. Elena Mera, coordinadora xeral de Treeline Distribution, unha empresa con sede en Santiago especializada na venda internacional de documentais, foi nesta xornada a responsable de impartir unha sesión de clausura centrada na comercialización de produtos audiovisuais.

O seu coloquio viuse sucedido pola entrega de diplomas ás e aos participantes nunha actividade formativa que contou no presente curso con preto de 150 matriculados, un acto no que participaron o vicerreitor do campus, Jorge Soto, o director da Agadic, Jacobo Sutil, e o decano da facultade, Xosé Baamonde, así como dos coordinadores de Augal. "Foron 35 horas de formación, nas que contamos coa participación de dez profesionais", lembra Paulino Pérez dunha máster class da que destaca "a combinación de talleres para un número reducido de estudantes, que completaron todos eles as súas prazas, e que permitiron complementar a formación do alumnado en guión, en dirección, dirección de fotografía e son", xunto con proxección de curtametraxes e longametraxes como A estación violenta, dirixida pola ex-alumna da facultade Anxos Fazáns, ou conferencias como a que Mera dedicou este martes á comercialización de diferentes tipos de producións audiovisuais. 

"A idea que quero transmitir é que cando xeras contidos, podes ir máis aló de simplemente o inmediato. No cine estamos máis acostumados a pensar que iso pode exportarse, pero unha serie de televisión, un programa... tamén son susceptibles de poder ser vendidos fóra", salientou Mera, quen nese senso abordou tanto o seu labor actual en Treeline Distribution como a súa experiencia previa en grupos como Prisa ou Atresmedia para abordar a comercialización de múltiples tipos de contidos audiovisuais. "Ao final, o mercado audiovisual é o mundo", engadiu esta profesional nun coloquio no que abordou cuestións como a alta demanda que existe hoxe en día de series de ficción, despois dunhas épocas nas que era "moi difícil" exportar este tipo de contidos. "Ao final trátase de coñecer o mercado, saber o que podería querer cada cliente", engadiu a conferenciante nesta abordaxe dun aspecto, a comercialización a outros países, "que moitas veces non se ten en conta" na xeración dos produtos audiovisuais, "ás veces con toda lóxica, pero noutros casos atopas series que tocan temas que ao final son moi parecidos en todas partes, polo que depende de como o enfoques e como o abordes, podes vender ou non vender".