En toda Galicia recibirán o galardón 434 alumnas e alumnos universitarios
139 estudantes da UVigo acadan os Premios de excelencia académica do curso 2020/2021 da Xunta de Galicia
1000 euros, cunha contía adicional de 500 para os mellores expedientes, recibirán os 139 estudantes da UVigo galardoados cos Premios de excelencia académica do curso 2020/2021 ao alumnado de grao universitario oficial que acadou as mellores cualificacións no devandito curso nas universidades do SUG. A Xunta de Galicia publica no DOG de hoxe a resolución pola que se conceden este galardóns, que tamén recibirán 172 alumnas e alumnos da USC e 123 da UDC.
Do total de 434 estudantes das tres universidades premiados, 24 máis que na anterior edición dos galardóns, o 63,5% son mulleres e o 36,5% restante homes. Por áreas de coñecemento, o 43% estudan Ciencias sociais, o 17% Enxeñaría e arquitectura, o 14% de Ciencias da saúde, o 14% de Artes e humanidades e o 12% de Ciencias.
O 10 foi a nota máxima acadada nas tres universidades públicas galegas, unha cualificación que na UVigo se rexistrou nas titulacións de Educación Primaria (campus de Pontevedra e Ourense) e de Ciencias da Actividade Física de do Deporte (campus de Pontevedra). Na USC esta nota rexistrouse no grao en Filosofía e na UDC no grao en Inglés: Estudos lingüísticos e literarios. En total a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destinou 528.000 euros a estes galardóns, 10.000 euros máis que na anterior edición dos premios. Ademais do premio en metálico, o alumnado galardoado recibirá un diploma acreditativo desta distinción.