DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun posto informativo situado na entrada do edificio Xurídico-Empresarial

Alumnado do campus coñece as oportunidades que lles ofrecen os programas Erasmus

Co gallo da celebración europea do seu día

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Institucional
DUVI Ourense 11/10/2022

A Vicerreitoría de Internacionalización e a Oficina de Relacións Internacionais (ORI) súmanse esta semana á celebración europea dos #ErasmusDays 2022 coa organización de puntos de información móbil nos tres campus da Universidade de Vigo. O de Ourense foi o primeiro en acoller esta iniciativa e o seu alumnado puido informarse no posto ubicado na entrada do edificio Xurídico-Empresarial das oportunidades que lles ofrecen os diferentes programas europeos de mobilidade internacional.

A iniciativa xurde co obxectivo de motivar ao alumnado da UVigo a solicitar mobilidades internacionais e tamén para dar resposta ás súas posibles dúbidas sobre próximas convocatorias. Ruth Domínguez, técnica da Oficina de Relacións Internacionais da UVigo, foi a encargada atender este punto informativo situado no campus de Ourense. Con motivo da celebración a nivel europeo dos 35 anos do programa Erasmus+, Ruth Domínguez sinalou que “quixemos estar en contacto co alumnado e darlles unha primeira información sobre os programas de mobilidade que poden solicitar”. Concretamente, explicou, o posto centrouse en informar ás persoas interesadas sobre as convocatorias dos programas Erasmus+ K131 e K171 e a convocatoria xeral de mobilidade que, apuntou, está previsto que saia en novembro.

Unha experiencia internacional

O alumnado que se achegou ao posto informativo puido coñecer estas convocatorias e os pasos a seguir para a súa solicitude, ademais de algúns dos requisitos precisos, facendo fincapé en ter en conta á hora de valorar opcións as esixencias de idiomas nas universidades de destino. “Os estudantes preguntan sobre todo por a onde se poden ir, como se fai a solicitude e que necesitan a nivel de linguas”, comentou Ruth Domínguez. A motivación fundamental que lles fai querer participar nun destes programas de mobilidade é, indicou, “estudar nun ambiente internacional, o feito de vivir noutro país e a experiencia todo iso lles pode reportar”. En todo caso, engadiu, os beneficios que ten non é só de enriquecemento persoal e académico, senón tamén laboral, pois, lembrou, “agora estamos nun ambiente laboral e profesional máis global”.

Entre os primeiros estudantes en acudir a este posto informativo estiveron Pablo Baamonde, Cosme Muíño e Brais Pazos, que cursan segundo do Grao en Enxeñaría Aeroespacial, na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. “Viñemos porque queremos saber un pouco máis sobre o programa Erasmus para ter unha idea mellor del e poder decidir se queremos ir ou non e que ferramentas necesitamos en caso de querer facelo”, explicou Pablo Baamonde. A idea que manexan, engadiu Cosme Muíño, é ir o vindeiro curso académico a estudar ao estranxeiro con algún destes programas, non tendo preferencia de país de destino. “O que máis nos apetece é coñecer outros países, coñecer xente nova e empaparnos dunha cultura diferente”, engadiu Brais Pazos.

Máis #ErasmusDays na UVigo

 O posto informativo do #ErasmusDays 2022 estará o xoves 13 de outubro, a partir das 10.00 h, no campus de Pontevedra, na entrada da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, e o venres 14 no campus de Vigo, tamén a partir das 10.00 h, na Facultade de Filoloxía e Tradución e no Edificio de Ciencias Experimentais.