DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha iniciativa de innovación educativa que se desenvolveu en tres materias de grao

O alumnado de Dirección e Xestión Pública enfróntase nun debate sobre o papel da tecnoloxía no desenvolvemento sostible

Co obxectivo de que puxesen en práctica habilidades de argumentación 

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 15/04/2024

A importancia que terá no seu futuro profesional o desenvolvemento de capacidades de argumentación e oratoria, xunto ao propio interese amosado polo alumnado por estas cuestións, levaron á Facultade de Dirección Xestión Pública a impulsar unha iniciativa de innovación educativa, na que estudantes de diferentes materias traballaron na organización dun debate centrado nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Tras formarse nestas cuestións no marco de tres materias, a Ágora da facultade acolleu nesta xornada o debate no que se mediron dous equipos de estudantes e que tiña como punto de partida o ODS 17, que sinala a necesidade de tecer alianzas para acadar estes obxectivos. Partindo deste, o eixe temático deste debate foi a idea de que “as tecnoloxías emerxentes son clave para o desenvolvemento sostible”, como sinala o profesor Ignacio Fernández, coordinador desta iniciativa.

Tras a presentación dos dous equipos, o debate abriuse cun sorteo de posturas que levou a un dos equipos a defender “que innovacións como a intelixencia artificial, a enerxía renovable e a tecnoloxía blockchain son esenciais para avanzar cara un futuro sostible”, explica Fernández. No lado contrario, o outro grupo encargouse de alertar “sobre os perigos” deste desenvolvemento tecnolóxico, “como a ampliación da fenda dixital, o desprazamento laboral e os riscos éticos e ambientais, sostendo que estas tecnoloxías poderían desviar a atención de solucións máis fundamentais e equitativas”. Foron avaliados por un xurado integrado por profesorado e por estudantado que participou o pasado curso na primeira edición desta iniciativa. Para decidir o equipo gañador, debían ter en conta un conxunto de criterios, como a orde, claridade e sinxeleza do exposto, a capacidade de improvisación, o rigor expositivo ou as mellores refutacións e conclusións. “Este debate é unha oportunidade para que os estudantes poñan en práctica habilidades críticas de argumentación e comunicación nunha contorna controlada e competitiva”, sinala nese senso Fernández.

A esta actividade asistiron tanto estudantes do IES A Xunqueira II, como do colexio Los Sauces, participantes ambos no club de debate impulsado pola facultade no presente curso. Enmarcado tamén nese obxectivo de “mellorar as habilidades comunicativas e analíticas” do estudantado, esta actividade abrangueu en primeiro termo unhas sesións formativas e completarase en maio cun debate non competitivo, no que mediranse dous equipos integrados por alumnado de secundaria destes dous centros e un terceiro integrado por estudantado da facultade.