DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa entrega dos premios aos mellores TFG e TFM nos seus catro ámbitos de coñecemento

O Campus Crea pon en valor a capacidade investigadora do seu alumnado

Nunha iniciativa promovida pola Vicerreitoría e a Concellería de Promoción Económica

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Premios
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 10/02/2022

Arte, comunicación e creatividade; deporte, saúde e benestar; educación, innovación social e xestión pública e medio ambiente e natureza son os catro ámbitos de coñecemento que abrangue o Campus Crea e tamén as áreas nas que se insiren os traballos recoñecidos cos primeiros Premios TFG e TFM do Campus Crea. Promovidos pola Vicerreitoría do campus e a Concellería de Promoción Económica e Universidades, ao abeiro dun convenio de colaboración, este xoves tivo lugar o acto de entrega de diplomas aos premiados e premiadas nesta iniciativa, que tiña como obxectivo dar unha maior difusión aos traballos de investigación do alumnado do campus. De feito, esta iniciativa suma ao premio económico a posibilidade de que estes traballos sexan publicados no International Multidisciplinary Journal CREA, a revista científica impulsada ao abeiro do proxecto de especialización do campus.

O vicerreitor Jorge Soto, a concelleira de Promoción Económica e Universidades, Yoya Blanco, e o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, presidiron esta entrega de diplomas, un acto ao que buscaba pór en valor “un traballo de excelencia” e a capacidade das e os premiados “de innovar e construír ciencia e coñecemento a partir de ideas que están no aire”, como salientou o vicerreitor. Nun acto ao que non puideron asistir parte dos premiados e premiadas, "que son titulados do pasado curso e atópanse xa traballando", como lembrou Souto, Blanco lembrou aos egresados e egresadas que “non só construídes coñecemento, senón que tamén construídes cidade”. A concelleira recalcou nese senso o papel que a Universidade xoga en Pontevedra e lembrou que estes premios forman parte das preto de 50 actividades desenvolvidas nos últimos meses no marco da colaboración entre a Vicerreitoría e a Concellería, adiantando que “Universidade e Concello estamos a traballar xa nun novo convenio para este ano 2022”.

Deporte, saúde e benestar

Unha das premiadas que non puido asistir foi a ex-alumna de Fisioterapia Ana Rovira, premiada na categoría de deporte, saúde e benestar por Efectos da fisioterapia mediante exercicio terapéutico en pacientes con esquizofrenia, no que tivo como titora a Iria da Cuña. Realizado como TFG do curso ponte, a orixe deste traballo atópase na propia experiencia laboral de Rovira como fisioterapeuta e nel buscou, a través da revisión sistemática de máis dun centenar de artigos, “a evidencia científica para feitos que puiden ver ao longo da miña carreira profesional”, como son os beneficios que a fisioterapia pode achegar a pacientes psiquiátricos e, máis en concreto, “os efectos do exercicio terapéutico en pacientes con esquizofrenia”.

Neste ámbito, o xurado premiou tamén A competencia motriz do alumnado galego, o traballo final no máster de Profesorado de Iván Fabeiro, quen destaca, alén do recoñecemento o traballo, a “oportunidade formativa” que supón poder converter o seu TFM nun artigo de divulgación científica. “A competencia motriz aparece como meta tanto no currículo de primaria como de secundaria”, sinala Fabeiro que, co propósito de coñecer “a situación real” dunha “das finalidades principais da Educación Física”, estudou o nivel de competencia motriz de 125 estudantes de 1º da ESO, o que o levou a pór en valor a implicación co seu proxecto, tanto do seu titor, Pedro Vicente Vila, como do profesorado e alumnado dos centros participantes.

Tamén nesta categoría, recoñecéronse cun accésit o TFG Os efectos da gamificación en educación física escolar, do graduado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte Borja Piñeiro; e o TFM Exercicio físico en transplante de corazón. Revisión sistemática con metaanálise e estudo de caso, do egresado do Máster en Investigación en Actividade Física, Deporte e Saúde Ginés Martínez.

Educación, innovación social e xestión pública

Neste ámbito, o graduado en Publicidade e Relacións Públicas Juan Ares foi premiado por un TFG que, como explica, “exploraba a ‘resurrección’ de estrelas do celuloide e do espectáculo en insercións publicitarias, mediante técnicas como o morphing ou o deepfake”. Titorizado por Anna Amorós, o seu traballo Do universo cinematográfico á estratexia publicitaria. Análise da resurrección do star system na publicidade: o caso de Diet Coke e Cruzcampo, abrangueu un “estudo histórico-descritivo” deste recurso publicitario, “dende o primeiro caso coñecido ata o anuncio máis recente”.

No referido aos TFM, o premio foi para Silvia Fernández, titulada do Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional, quen destaca que recoñecementos como estes "resultan moi motivadores para incentivar a excelencia académica e dar visibilidade ao talento do alumnado, pero tamén ao apoio indispensable das titoras e titores”. Titulado Aproximación á Responsabilidade Social Corporativa nas deputacións galegas; análise a partires da información divulgadas nas páxinas web e titorizado por Ana Dopico, o seu traballo centrouse no estudo do “grao de transparencia na divulgación” das iniciativas vinculadas á responsabilidade social, así como a contribución das catro deputacións a acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da Axenda 2030, a través das súasa webs. Por outra banda, a tamén egresada deste mestrado Minerva García acadou un accésit por Políticas públicas locais de emprego. O caso do concello de Silla (Valencia) e os programas mixtos de emprego e formación; mentres que a graduada en Educación Primaria Isabel Campo obtivo outro polo seu TFG Videoxogos e socialización diferencial de xénero: preferencias e práctica.

Medio ambiente e natureza 

Unha das áreas nas que só se outorgaron recoñecementos a TFG, quedando deserta a de TFM, foi a de medio ambiente e natureza, na que se distinguiron os traballos de dúas tituladas en Enxeñaría Forestal, grao no que as mulleres “son minoría”, como lembrou Souto. O primeiro premio foi para Clara Míguez por Efectos de diferentes disolventes e condicións de extracción para a determinación de compostos fenólicos nas especies Tradescantia fluminensis Vell. e Arundo donax L., que realizou con Ángeles Cancela como titora. “Con este proxecto buscaba contribuír á valorización da biomasa residual xerada polas accións de control de especies invasoras, dando un pulo ao seu reemprego desde unha perspectiva de economía circular”, salienta Míguez. En concreto, buscou identificar e cuantificar os “compostos fenólicos”, que teñen “numerosas aplicacións en diferentes sectores industriais”, que podían atoparse en dúas especies invasoras “cunha elevada presenza en Galicia”. Así mesmo, nesta área Paula Rivas acadou un accésit polo seu traballo Monitoreo da vexetación de ribeira existente mediante o uso de novas tecnoloxías

Arte, comunicación e creatividade

O outro apartado no que só se outorgaron recoñecementos a TFG foi o de arte, comunicación e creatividade, no que o primeiro premio foi para o titulado en Comunicación Audiovisual David Arosa por A dirección de fotografía dunha curtametraxe de ficción: Temis, no que tivo como titora a Diana Ramahí. “Decidín enfocar o meu TFG de maneira práctica, enmarcándoo no ámbito da dirección de fotografía”, explica dun traballo que formou parte da creación dunha curta de ficción, na que foi responsable de “desenvolver unha estética visual coherente e atractiva”. Nese senso, Arosa destaca este premio como “unha recompensa a todo o esforzo realizado durante case medio ano”, xa que, lembra, “a creación dunha curtametraxe require unha enorme cantidade de tempo e sacrificio”. Nesta mesma categoría foi recoñecido cun accésit o TFG Etcétera, do titulado en Belas Artes Mateo Barcia.