DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A 4 de xuño ábrese a inscrición no cursos de Extensión Universitaria do campus

Opcións presenciais e virtuais para continuar formándose ao longo do verán

Centrados no ensino con novas tecnoloxías, na saúde mental perinatal e na comunicación empresarial

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Saúde
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 28/05/2021

A incorporación da robótica e a programación como ferramentas para o ensino de ciencias, o coidado da saúde mental na etapa perinatal e as accións empresariais de comunicación e relacións públicas centran a programación de cursos de Extensión Universitaria cos que a Vicerreitoría do campus convida a continuar formándose ao longo do verán. Abertos ao conxunto da cidadanía, trátase de tres actividades que se desenvolverán entre xuño e o setembro, que o vindeiro venres 4 de xuño abrirán o seu prazo de inscrición na plataforma Campus Activo. Dous destes cursos, Programación, robótica e encerado dixital como recursos para ensinar ciencias e Abordaxe integral da saúde mental perinatal levaranse a cabo de xeito virtual, a través de Campus Remoto, mentres que Experiencias de éxito de publicidade e RRPP de pemes galegas. Dez casos vividos en primeira persoa, desenvolverase de xeito presencial, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación entre o14 e o 30 de setembro.

Cuns prezos de matrícula de entre 40 e 80 euros, aos que se aplica un desconto do 35% no caso das e os integrantes da comunidade universitaria, trátase de tres cursos que “completan a formación do alumnado en materias que son importantes para a súa formación integral”, segundo salienta o vicerreitor do campus. Jorge Soto destaca nese senso o interese para o alumnado de tres actividades que xa formaron parte da programación de Extensión Universitaria do campus en anos anteriores, centradas nos ámbitos da educación, a saúde e a comunicación e “que complementan o bo labor que se está facendo desde as aulas”. 

Dúas propostas virtuais en xuño e xullo

Entre o 22 de xuño e o 8 de xullo, desenvolverase a través de Campus Remoto a quinta edición do curso Programación, robótica e encerado dixital como recursos para ensinar ciencias, dirixido a afondar na integración da tecnociencia na educación do século XXI e achegar novos recursos para ensinar ciencias en educación infantil e primaria. Dirixido polo profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Uxío Pérez e impartido por María Lorenzo e Nuria Castiñeira, esta actividade, aberta a un máximo de 30 persoas, levará ao alumnado a traballar no deseño de maquetas interactivas, vinculadas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030, nas que pór en práctica os coñecementos adquiridos sobre programación con Scratch, sets de robótica educativa ou encerado dixital interactivo. 

Tamén a través de Campus Remoto, entre o 28 e o 30 de xullo terá lugar o curso Abordaxe integral da saúde mental perinatal, dirixido a afondar nos principais aspectos que rodean o proceso de xestación, parto e posparto e a súa influencia na saúde mental. Aberto a un máximo de 50 asistentes e dirixido pola profesora da Facultade de Educación e Traballo Social María José Vázquez Figueiredo, o taller busca dotar aos e ás participantes dos coñecementos e ferramentas que lles permitan de identificar as necesidades da muller xestante, pero tamén as do bebé e a súa familia, así como levar a cabo unha abordaxe preventiva das problemáticas de saúde mental perinatal. Para iso, o curso contará coa participación como conferenciantes de profesionais da psicoloxía, xinecoloxía, pediatría e enfermaría.

Vivencias en primeira persoa 

O único curso de carácter presencial terá lugar entre o 14 e o 30 de setembro na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que acollerá unha nova edición de Experiencias de éxitos de publicidade e RRPP de pemes galegas. Dirixido pola catedrática Aurora García, esta actividade afondará no papel da publicidade, as relacións públicas ou o márketing no ámbito empresarial, a través dunha serie de casos reais, que serán analizados polos e polas profesionais que os xestionaron. A través das experiencias de seis profesionais da comunicación e o márketing, este curso, que oferta 25 prazas, permitirá afondar en diferentes accións publicitarias e de relacións públicas, na organización de eventos, na relación cos medios de comunicación ou no labor de responsabilidade social das empresas.