Froito da colaboración entre as tres universidades galegas xurde o Máster Oficial de Dirección de Empresa Familiar, unha iniciativa que, nun momento marcado pola desaceleración económica, nace coa finalidade de favorecer a consolidación dun sector empresarial vital para o noso país, posto que “os 2,5 millóns de organizacións familiares que existen en España representan o 65% do PIB e o 60% das nosas exportacións”, segundo datos ofrecidos por José Luis Pego, director xeral de Caixanova.
Ademais de ter como destinatarios a directivos e membros de empresas familiares, o posgrao reserva un terzo das prazas dispoñibles a licenciados en Economía, Administración e Dirección de Empresas e Dereito Económico que, tras adquirir os coñecementos específicos, desexen integrarse neste tipo de organizacións. O proxecto está liderado polas Cátedras de Empresa Familiar das tres universidades galegas, promovidas polo Instituto de Empresa Familiar e patrocinadas por Inditex, a Asociación Galega de Empresa Familiar e Caixanova.
19/05/2008