DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Por Rexina Vega, escritora e doutora de Filoloxía Románica:

Arqueoloxía ou lúdico mercado? O día das letras galegas hoxe

Etiquetas
  • Vigo
DUVI 16/05/2008

Lémbrome ben do entusiasmo contaxioso que o dezasete de maio tiña nos anos nos que eu cursaba a EGB, alá polo final da década dos setenta. Eramos as primeiras xeracións coa literatura e a lingua galegas como materias obrigatorias. Dabamos por feito que as letras galegas eran algo do que había que examinarse, pero tamén percibíamos con claridade unha certa paixón nas explicacións dos mestres, algo que non existía no mesmo grao cando dabamos a literatura española. A diferenza estaba na vida, no carácter real, próximo, que tiñan eses autores aos que a sociedade parecía apoiar cunha mestura de reivindicación política e de pura celebración gozosa da cultura. Iso era o que eu percibía de nena, esa potencia.

Pouco e pouco a celebración foi perdendo azos. É lóxico que parte da forza máis ligada á Transición e ao afianzamento do discurso nacional fose debilitándose, pero non o é tanto que a alegría do libro galego cedese desta maneira ante o peso das décadas. Tiñamos unha fantástica oportunidade nesta celebración civil, pero algo está fallando. A decisión de concentrar os esforzos na divulgación dun único escritor, ten, ao meu ver, grande parte da culpa. Un único autor, ás veces rotundamente importante, ás veces só tanxencialmente valioso. Non é unha boa estratexia alagar o espazo público de información filolóxica, de crítica especializada que, necesariamente, interesa só a uns poucos. A cultura administrada deste xeito, por repetición, por exceso académico, produce efectos contrarios. Trátase dunha filoloxización institucional, moitas veces sen interese para os verdadeiros filólogos, posto que na enxurrada de publicacións críticas, abunda o texto escrito por encargo, unha divulgación lixeira, feita ás présas. A quen se fala?, Que é o que se persegue?

Se o que se queremos é que as letras nacionais continúen existindo debería actuarse doutro modo. Isto tería que ser unha festa, non unha sucesión de estudos, charlas e paineis escolares. Habería que sacar todos os libros á rúa, habería que exhibilos, fomentar a súa compra, darlles visibilidade a través dos autores convertidos durante unha semana en atractivos axentes comerciais. Habería que facer, de novo, o dezasete de maio un día laborable. Un día, feliz, de mercado.