Unha gran festa para homenaxear os 25 anos da Universidade de Vigo. O campus de Ourense uniuse este xoves á conmemoración da institución académica cun concerto que reuniu a preto de 400 persoas, tanto membros da comunidade universitaria como persoas alleas, no Teatro Principal da cidade para celebrar ao son da mellor música tradicional galega un cuarto de século formando cidadáns, creando cultura e facendo país. Ao son de Treixadura, que cumpre este ano tamén as súas vodas de prata, e da histórica coral Cantigas e Agarimos, a comunidade universitaria ourensá botou unha ollada ao pasado e ao presente para brindar, cando menos, por outros 25 anos máis xuntos. Despois de tanto tempo de vida, salientou Salustiano Mato durante o acto, "se algo nos empuxa a seguir adiante é o cariño da xente".
15/05/2015