DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Consello de Campus abordou as iniciativas que se desenvolverán nos próximos meses

O campus acollerá unha serie de actividades para fomentar a empregabilidade do alumnado e unha xornada de portas abertas

O reitor centrou o seu informe na necesidade de acometer unha “remuda xeracional” na UVigo

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Pontevedra 11/03/2024

As diferentes iniciativas que a Universidade vai desenvolver nos próximos meses en Pontevedra, como unha serie de actividades centradas na empregabilidade do alumnado, unha xornada de portas abertas para alumnado de bacharelato e formación profesional ou unha nova edición da Semana da Creatividade, foron unha das cuestións abordadas na reunión do Consello de Campus celebrada este luns. Nela, o reitor, Manuel Reigosa, centrou a súa intervención en informar das negociacións en marcha de cara a posta en marcha de iniciativas que contribúan a unha “remuda xeracional” do persoal docente e investigador (PDI) da UVigo.

Concretamente, Reigosa centrou a súa intervención en abordar cos e coas integrantes deste órgano colexiado as novidades nos contratos para investigadores posdoutorais da Xunta de Galicia e das negociacións en marcha para a convocatoria “de prazas adicionais de profesorado axudante doutor, ben sexa pagadas polo Ministerio, ben pola Xunta de Galicia”. Neste punto, o reitor recalcou que se trata de accións “que aínda non están pechadas”, senón que “estamos no medio da negociación” e que se inserirían nas “posibles solucións” para acometer unha “remuda xeracional” no cadro de persoal docente da institución académica. 

Esta sesión completouse cos informes da vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, que abordou unha serie de iniciativas que se desenvolverán en Pontevedra nos próximos meses; e da vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, quen se centrou nas iniciativas en marcha para fomentar o uso do galego entre o alumnado.

Semana de Emprego e Xornada de portas abertas

Lantarón informou dunha serie de “accións que se van desenvolver en breve” no campus e que precisarán en varios dos casos “da colaboración dos decanatos". Ese é o caso da Semana de Emprego, unha serie de actividades centradas na inserción laboral do alumnado “que vanse levar a cabo en dúas fases”. A primeira, explicou, centrarase en cuestións como o deseño do currículo ou dun porftolio, a creación dun perfil en Linkedin, os procesos de acceso ao emprego público ou os trámites para crear unha empresa ou constituírse como autónomo. Esta fase levarase a cabo en abril e verase complementada posteriormente cunha segunda, que comprenderá encontros con empregadores “específicos por titulacións”. Lantarón anunciou tamén que o campus acollerá o 3 de abril unha xornada de portas abertas, dirixida a centros educativos galegos con alumnado de bacharelato ou ciclos superiores de FP, organizada pola Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade. Coa inscrición aberta ata o 15 de marzo, a actividade comprenderá unha recepción institucional no Pazo da Cultura e unha posterior visita ás facultades e escolas, de acordo cunha serie de itinerarios por ámbito de interese.

A vicerreitora adiantou tamén que a Vicerreitoría traballa nunha nova edición da Semana da Creatividade, que se desenvolverá do 22 ao 26 de abril, unha iniciativa inserida no proxecto de especialización Campus Crea. No referido aos traballos para acadar a súa acreditación como campus de especialización por parte da Xunta, explicou que céntranse “na modificación do plan estratéxico”, así como na preparación “de toda a documentación necesaria para comezar os trámites”. Por outra banda, Lantarón anunciou tamén que traballan, xunto á Escuela Naval Militar, na organización da segunda Regata Almirante Álvarez-Ossorio – Trofeo Ría de Pontevedra, que en maio enfrontará a tripulacións do campus e deste centro. 

Así mesmo, Lantarón adiantou que se tratará de acometer “unha mellora do subministro de auga aos diferentes centros campus, coa modificación da canalización”, para o que “estamos falando con todos os axentes implicados”. No caso de poder acometerse esta obra, engadiu, esta "executaríase no mes de agosto, para que non interfira coa actividade" dos centros. 

Fomento do galego

Por último, Susana Reboreda centrou o seu informe nas accións que está a desenvolver a Área de Normalización Lingüística (ANL) e, máis concretamente, na campaña Galego de tranquis, que busca fomentar o uso do galego entre o alumnado. A vicerreitora de Extensión Universitaria abordou tanto as iniciativas promocionais desenvolvidas, a través de cartelaría e das redes sociais, como o “plan de madriñas” desta campaña, no que “poñemos en comunicación a membros da comunidade universitaria que falen galego” con outros e outras “que queiran comezar” a falalo.