DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na súa nova campaña promocional

A Área de Normalización Lingüística convida a comezar a falar e escribir en galego “de tranquis”

Anima a comezar usar a lingua sen afogos, sen presións e como un acto voluntario

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Cultura
DUVI 23/10/2023

De vagar, paseniño, sen presas... pero cara adiante. Este é o convite da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo para todas aquelas persoas que queiran comezar a expresarse en galego, que se sumen ao “galego de tranquis”. Con esta nova campaña tratan de “promover e facilitar dar o paso a iniciar a vivir en galego entre o estudantado e toda a comunidade da Universidade de Vigo”. A finalidade, explica a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, “é dinamizar o uso do galego na comunidade universitaria, especialmente no alumnado. O eslogan “galego de tranquis” anima a comezar usar o galego sen afogos, sen presión e como un acto voluntario porque o uso da lingua é fundamental á hora de preservar a nosa cultura.

A única vía posible para apropiarse dunha lingua é falala e nos primeiros e segundos pasos, vanse cometer erros, pero hai que seguir adiante. Neste senso é moi gráfica a expresión “porque cando se trata de querer, que máis dá te ou che?”, que é outros dos lemas desta iniciativa.

A campaña bota a andar hoxe luns e a través das redes da UVigo, de @Cultuvigo e por TIK-Tok. E en soporte físico nos manteis das bandexas dos restaurantes e cafeterías dos tres campus, cartelaría e adhesivos. Ademais, explica a vicerreitora, “estamos buscando a voluntarias e voluntarios que queira asumir a responsabilidade de mentorizar a esas persoas que desexen dar o salto ao galego. Pero imos de vagar, sen presas...de tranquis!”

Sumarse ao galego de tranquis

A campaña susténtase en tres patas. Por unha banda diríxese directamente a esas persoas que queren comezar a falar a escribir en galego e anímaos a facelo “sen atafegos e sen présas”. Para este colectivo, dende a ANL recomendar marcar un ritmo propio, que pode ser comezar a falalo cun par de persoas ou ben pasar a ter unha vida 100 % en galego. E todo sen présas, “que un día non te ves para empregalo? Pois xa te verás outro día! Non te preocupes e goza do proceso”.

Unha segunda parte da campaña anima a colaborar a axudar con esas persoas que están comezando o proceso. “Podes preguntar de xeito delicado se precisa axuda ou algún tipo de reforzo” pero tamén recomenda non corrixir se esas persoas nono piden. “Axuda, con comprensión e bo ánimo. Se alguén o fai aos poucos ou só nalgunhas situacións, deixa que pouco a pouco gañe confianza e avance. Deixa que entre na súa e na túa zona de confort: o galego”.

Finalmente, a campaña tamén pon o foco nas redes sociais e anima a empregar o cancelo #GalegoDeTranquis nos contidos ou na bio “para indicar que vas comezar a empregar o galego e agradeces que a túa comunidade de seguidoras e seguidores vaian de tranquis contigo. Tamén podes empregar o cancelo #GalegoDeTranquis se queres indicar que se alguén quere comezar a falar o galego contigo, o pode facer sen problema, que te adaptarás e lle farás o proceso máis agradable”.