O 11 de maio presentouse no campus de Ourense o seu proxecto de futuro, o Campus da Auga, nado co obxectivo de aproveitar os recursos da Universidade de Vigo e da contorna para crear valor económico e social a partir da marca estrela de Ourense, a auga. Entroncando con esta liña de especialización, este xoves o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e o alcalde do Concello de Ourense, Francisco Rodríguez, asinaron un convenio de colaboración para a realización dun proxecto de investigación sobre o modelo hidroxeolóxico do xacemento termal da cidade. Froito deste traballo, que realizará o Grupo de Investigación en Xeotermia e Hidroxeoloxía da Universidade, crearase un sistema completo de información xeográfica que permitirá ás institucións dispor dunha ferramenta para mellorar a xestión, a planificación e a protección deste ben cada día máis prezado.
31/05/2012