DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Laura Pimentel e Sandra Presas rematan o curso cun excelente resultado no Campionato de España

Entre clase e clase, moitas horas adestrando para ser campioas universitarias de natación

Constancia, organización e paixón por este deporte son as súas claves de éxito

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 07/06/2012

Comezaron a nadar cando apenas tiñan tres e catro anos. Aos seis e sete anos xa estaban inscritas nun clube de natación e comezaron a competir. Hoxe en día, xa universitarias, Laura Pimentel e Sandra Presas compaxinan a súa vida académica no campus de Ourense coa práctica deste deporte e a competición. Constancia, organización e paixón pola natación son as máximas destas deportistas que veñen de gañar cinco medallas para a Universidade de Vigo no Campionato de España Universitario de Natación. Un broche de ouro para un duro curso académico na que entre clases e estudo, dedicaron moitas horas a adestrar.

“Son unhas rapazas extraordinarias. Conseguir destacar na competición deportiva é moi difícil e máis no eido universitario, no que as nadadoras teñen que facer un esforzo extra para compaxinar estudos e adestramentos. Os deportistas de natación están feitos dunha pasta especial e ese é o caso de Sandra e Laura”, comenta Miguel Piñeiro, do Servizo de Deportes do campus de Ourense e persoa encargada de acompañar ás deportistas nas competicións.

Cuestión de compatibilidade

Laura Pimentel acadou tres medallas en estilo libre no Campionato de España Universitario de Natación, celebrado os días 26 e 27 de maio nas instalacións da Universidade Camilo José Cela de Madrid. Concretamente alzouse cun galardón de ouro en 800 metros, onde realizou un tempo de 09.01.10 e marcou un novo récord nesta competición; cunha medalla de prata en 400 metros e con outra de bronce en 100 metros. “Sempre me gustou a natación, desde moi pequena, e aínda que agora estudo primeiro de Enxeñaría Agraria na Facultade de Ciencias manteño a miña dedicación a este deporte, que para min é fundamental. Gañar estas medallas é un aliciente máis para seguir”, explica Laura Pimentel.

Mentres remata os últimos exames do curso, a nadadora prepárase agora para competir nos Campionatos de España de Natación, referente para os deportistas neste deporte, onde agarda facer un bo papel como en edición anteriores, onde chegou a quedar cuarta nalgunha das categorías. “Mentres sexa compatible cos meus estudos dedicarei todo o tempo que poida a este deporte”, sinala Laura Pimentel, que está desexando cumprir os requisitos para poder volver a competir no Campionato Europeo de Natación pero xa na categoría absoluta de estilo libre.

Catro horas diarias na piscina

Pola súa banda, Sandra Presas rematou o curso acadando dúas medallas no Campionato de España Universitario en estilo costas, concretamente obtivo ouro en 50 metros e prata en 100 metros. Rematados xa os seus estudos de Enfermaría e mentres busca o seu primeiro emprego, Presas salienta a satisfacción que supón conseguir unha medalla nestes campionatos e ver recompensado o esforzo e a dedicación investidos neste deporte. Cada día durante o curso académico, ela e Laura Pimentel adestraron unha media de catro horas, maioritariamente pola tarde pero ás veces tamén acudindo á piscina do Pavillón dos Remedios de 06.00 a 08.00 horas da mañá antes de ir á Universidade.

“É unha cuestión de saber organizarse, de constancia e de querer facelo e gozar con elo. O esforzo vale a pena porque a natación ten moitos beneficios. Alén da satisfacción de practicar unha afección e competir, como enfermeira debo destacar que se trata dun deporte moi saudable, moi completo, no que moves todas as articulacións e músculos do teu corpo. Deste xeito, sexa a nivel afeccionado ou máis profesional, nadar é fantástico para o corpo e para a cabeza. Totalmente recomendable para a comunidade universitaria e para todas as persoas”, advirte Sandra Presas.