DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O alumnado de intercambio remata o curso e regresa aos seus países de orixe

Goodbye Ourense!

Todos os estudantes fan unha valoración moi positiva da súa experiencia académica e da vida na cidad

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 05/06/2012

O curso académico 2011/2012 está chegando ao seu fin e é hora de que os alumnos foráneos que se desprazaron a estudar a Ourense regresen aos seus fogares. Entre eles, e dun xeito especial, están os estudantes de intercambio que este cuadrimestre estiveron no campus ao abeiro de diferentes programas de mobilidade internacional. Un a un, e a medida que rematan os exames, están regresando aos seus países de orixe e todos eles, afirman, din adeus cun moi bo recordo da cidade de Ourense, da vida académica na Universidade de Vigo e da experiencia persoal de estudar no que para eles e elas é o estranxeiro.

“Estudar na Universidade de Vigo e descubrir Ourense foi unha das sorpresas máis gratificantes da miña vida. A atención prestada pola Oficina de Relacións Internacionais, a convivencia cos demais estudantes e a experiencia de cambiar de aires e costumes que traía da miña cidade e da miña universidade de orixe fanme albiscar novos horizontes e posibilidades. Son, seguramente, lembranzas importantes que levarei toda a vida”, salienta a brasileira Júlia Gomes.

Impresións positivas

Os estudantes de intercambio comparten a impresión de que “tanto a Universidade, como a cidade e o máis importante, as persoas, fixéronnos sentir coma na casa o tempo que estivemos en Ourense”, tal e como indica Carolina Goulart. Todos eles afirman que recomendarían o campus de Ourense para realizar estudos porque, explica Demetrio Makris, “os edificios son moi modernos, o campus ofrece moitos servizos e o custe de vida é baixo”, ademais de ser unha oportunidade para aprender novos métodos de ensino e investigación. A impuntualidade e algúns problemas coa docencia en galego e co sistema de traballo e avaliación implantado por Boloña son os únicos aspectos negativos que estes universitarios gardan dos seus meses de estudo en Galicia.

As impresións sobre a cidade de Ourense tamén son todas moi positivas, sendo xeral a impresión do mexicano Juan Luís Martínez de que se trata “dunha cidade bonita, limpa e tranquila e unha sociedade, en xeral, moi amable e respectuosa, factores que converten a Ourense nun bo destino para vivir este tipo de experiencia e para visitar como turistas”. A gastronomía e as termas son dúas das cousas que máis botarán de menos estes estudantes.

Alén de aprender desde unha perspectiva diferente e de coñecer novos lugares, un dos valores máis interesantes de estudar fóra do país de orixe que apunta o alumnado de intercambio é a experiencia persoal que supón. “Para min foi moi positivo, porque me permitiu coñecer as miñas raíces ibéricas e as raíces do miña lingua”, apunta o brasileiro Newton Monteiro. Para outros foi a oportunidade de “facer amigos e de aprender como é vivir sen pais e nunha cultura diferente”, como explica a húngara Lilla Weszprémy.

A faciana multicultural e internacional

En total estudaron no segundo cuadrimestre no campus de Ourense 31 estudantes de intercambio, nove dos cales realizaron todo o curso académico. Eles representan, tal e como comenta María Lameiras, vicerreitora do campus, a faciana máis internacional e multicultural do campus de Ourense, pois procedían de Brasil, Grecia, Arxentina, México, Italia, Alemaña, Polonia, Portugal, Romanía, República Checa, Lituania e Turquía. Por esta apertura que representan para o campus e para a cidade, durante a súa estadía o alumnado de intercambio foi recibido polas autoridades universitarias pero tamén polas ourensás, como son Francisco Rodríguez, alcalde da cidade, e Manuel Baltar, presidente da Deputación Provincial.