DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No 22 Congreso de Traballos Colaborativos, na sede cidade da escola

145 estudantes de Enxeñaría Industrial presentan en sociedade 18 proxectos de innovación

Sobre temáticas de relevancia social como a sostibilidade, a inclusión, a ética, a seguridade ou a s

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Académica
D. Besadío DUVI 20/03/2024

145 estudantes da Escola de Enxeñaría Industrial presentaron este mércores en sociedade 18 proxectos de innovación sobre múltiples temáticas de relevancia social como a sostibilidade, a inclusión, a ética, a seguridade ou a saúde. Fixérono na 22 edición do Congreso de Traballos Colaborativos, unha iniciativa docente que busca fomentar o intercambio de coñecementos, experiencias e proxectos entre as futuras e futuros profesionais da enxeñaría, así como sensibilizalos sobre os desafíos e oportunidades que formula a sociedade actual.

“A realidade é multifacética e rica en matices e estes traballos representan pequenos fragmentos dela”, salientan os docentes que coordinan a iniciativa: Lucía Díaz Vilariño, José Antonio Alonso Rodríguez e José Luis González Cespón, ao tempo que explican que os traballos se levan a cabo en equipos que inclúen integrantes das diferentes titulacións que se imparten na escola (Enxeñaría Eléctrica, Mecánica, Industrial e Automática, Biomédica...). “Esta forma de traballo colaborativo ten múltiples beneficios, tanto a nivel académico como persoal, xa que desenvolve habilidades como o pensamento crítico, a creatividade ou a resolución de problemas”,  apuntan os coordinadores, insistindo na idea inicial do congreso: contribuír á formación de enxeñeiras e enxeñeiros “competentes, comprometidos e colaborativos, capaces de afrontar os retos e as demandas da sociedade do século XXI”.

Algas para reducir a pegada de carbono

O abano de temáticas dos proxectos é moi variada, pero destacan aspectos como a economía circular ou a saúde. Entre os primeiros sobresae un traballo que propón a utilización das algas para reducir a pegada de carbono industrial, o que implicaría, tal e como explicaron os seus autores durante o congreso, a creación dun innovador sistema de cultivo a escala industrial, integrado nos procesos produtivos das empresas. Este sistema permitiría capturar e almacenar C02 de maneira eficiente, mitigando as emisións e contribuíndo á sostibilidade ambiental. “A maiores tamén contemplamos utilizar a biomasa xerada nestes cultivos como materia prima para a produción de biocombustibles, cosméticos, fertilizantes orgánicos...”,  explicaron os estudantes.

Test de farmacia para detección precoz de enfermidades

Entre os proxectos do ámbito sanitario inclúese un traballo no que se propón a redución das listas de agarda mediante o uso de test de farmacia, unha proba non invasiva que cada persoa usuaria podería realizar no seu fogar e, en caso de resultado positivo,  activaríase o protocolo necesario para pór en marcha a adecuada atención médica. “Desta maneira, os potenciais enfermos accederían directamente a profesionais e probas máis específicas, reducindo o traballo do persoal sanitario, as listas de agarda e o tempo de inicio do tratamento dos pacientes”.

Solucións para o abandono do rural e moitas máis ideas

Conscientes do problema que supón para Galicia, o progresivo abandono do rural, outro dos grupos deseñou unha aplicación móbil pensada para difundir ofertas de traballo nun contexto rural ou semiurbano que irían acompañadas dunha solución habitacional, algo que non sería complicado “tendo en conta o elevado número de vivendas baleiras destas zonas, moitas delas facilmente rehabilitables a baixo custo”.

No eido da inclusión presentáronse dous sistemas de guiado para persoas invidentes, un cinto detector de obstáculos que avisa dos posibles tropezos mediante vibración, e outro baseado na detección mediante gafas 3D.

O catálogo de traballo presentados inclúe tamén desde pequenas solucións útiles, como unha software localizador de pertenzas, pensado para as persoas que perden obxectos con frecuencia, tales como unha chaves ou un moedeiro, ata un invernadoiro doméstico que permitiría cultivar calquera vexetal (froitas, legumes, etc.), independentemente da época do ano dunha forma totalmente limpa, “no campo ou na neveira”.