DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estreou no centro da cidade o espectáculo de rúa ‘Operación rescate’

A 29ª Miteu abre as súas portas coa actuación da aula teatral do campus Rosaura

A programación prolongarase ata o 9 de maio

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Teatro
  • Cultura
DUVI Ourense 12/04/2024

Este xoves pola tarde arrancou a 29ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu) e fíxoo coa estrea no centro da cidade do espectáculo de rúa Operación rescate, da aula de teatro do campus de Ourense Rosaura, e coa representación, posteriormente, no Teatro Principal de Tomás, cuando el silencio es complicidad, da compañía colombiana Sin Mente Teatro.

A actuación de Rosaura contou coa participación do alumnado que ao longo deste curso académico se formou nesta aula teatral do campus de Ourense. Con dirección de Sabela Gago, desenvolveron unha peza na que quixeron trasladar ao público asistente a súa fé "no riso, na gargallada, na palabra e na poesía que conmove" e o seu desexo de "regresar para ser as nenas que fomos e reivindicar sentir por sentir". Acompañado polo público, o grupo foi representando, coa complicidade de espectadores, a súa obra desde o Liceo de Ourense ata a rúa Paseo. Con esta representación iniciouse unha edición que se prolongará ata o 9 de maio e na que a Universidade de Vigo volve a ter un protagonismo destacado nela, non só no seu patrocinio e organización senón tamén coa actuación das aulas de teatro e danza dos seus tres campus. A cita conta ademais co apoio da Deputación de Ourense, o Teatro Principal, a Xunta de Galicia e Cervexas Esmorga.

23 espectáculos

A 29ª Miteu, dirixida desde Sarabela Teatro por Fernando Dacosta, conta con 23 espectáculos, ademais de animación e promoción de rúa e un curso sobre a expresión do clown. Hai presenza de grupos de Mozambique, Colombia, Portugal e España (Navarra, Castela e León, Madrid, Estremadura, Euskadi e Galicia), estando representadas todas as aulas universitarias teatrais galegas (A Coruña, Santiago, Lugo, Vigo, Pontevedra e Ourense). A programación, que se desenvolve en diferentes espazos da cidade, conta coa participación de 14 grupos de teatro universitario e nove de teatro profesional-grupos convidados, entre eles Alberto San Juan, Quico Cadaval e Aldaolado. Ao longo dos días actuarán todas as aulas de teatro e danza da Universidade de Vigo. Así, ademais de Rosaura, a aula do campus de Ourense Cordelia representará Retrato dun tremor e Maricastaña pechará esta edición con Desequilibrios. A Aula de Teatro de Vigo traerá Soño dunha noite de verán e a de Pontevedra Estupidez artificial. Por último, igualmente estará a aula de danza ourensá, co espectáculo O xardín das danzas.

A música tamén ten un protagonismo destacado este ano, con concertos de Budiño, que estreará o seu novo disco Branca vela; Factoría de Subsistencia, The Tetas Van e O Sonoro Maxín. Igualmente haberá espectáculos de danza das aulas dos campus galegos (entre elas a de Ourense) e dunha compañía de Mozambique e unha gala de Pallasos en Rebeldía cuxa recadación irá destinada a Gaza Stars Circus School. O premio da 29 Miteu é para o Cine Clube Padre Feijóo.