DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No congreso nacional de Conede, entidade que aglutina alumando de 75 universidades

90 estudantes de Dereito de toda España reúnense no campus para debater sobre o seu futuro laboral

Con mesas redondas e relatorios impartidos por profesionais do sector sobre actualidade xurídica

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 14/03/2024

Dende onte mércores e ata o sábado a cidade de Vigo acolle preto dun cento de mozos e mozas que participan no Congreso Nacional de Estudiantes de Derecho, organizado por Conede, a única asociación oficial de alumnos e alumnas do eido xurídico presente en todas as negociacións que afectan ao estudantado de Dereito. 

O simposio arrancou oficialmente onte pola tarde, cun acto institucional que se celebrou na Delegación Territorial da Xunta en Vigo e no que participaron a vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini; a delegada da Xunta, Ana Ortiz; o decano da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, Francisco Torres; o presidente de Honra de Conde, Jesús Ruiz e a presidenta do Comité Organizador desta edición, Sandra Martínez, estudante da UVigo. Hoxe xoves as actividades trasladáronse ao campus onde, ao longo da mañá, o alumnado asistiu a varios relatorios e mesas redondas “sobre temas de candente actualidade xurídica” da man dos “mellores profesionais do sector”, como explican dende a organización. A súa responsable, Sandra Martínez, tamén destaca a boa acollida que tivo esta vixésimo sexta edición, a primeira que se celebra en VIgo, na que se inscribiron 86 estudantes. 

A cita é unha referencia para as e os estudantes de Dereito de todo o país que se celebra, de xeito itinerante, dende 2009 organizada polas Delegacións de Alumnado das diferentes facultades e por Conede, o Consejo Nacional de Estudiantes de Derecho. Esta entidade, que conta con membros de 75 universidades, ten como finalidade “velar polos intereses das e dos estudantes de Dereito, dende a etapa formativa ata a súa incorporación ao mercado laboral”. Precisamente, os congresos son unha das súas estratexias para contribuír á formación xurídica do alumnado e para dar a coñecer as oportunidades profesionais que lles agardan tras rematar os seus estudos. 

Do dereito sanitario ao marítimo, pasando pola arbitraxe deportiva

A xornada arrancou cun relatorio sobre as principais reclamacións da responsabilidade civil sanitaria, impartido por Elena Gómez Felipe, responsable de cadro médico e calidade da Nueva Mutua Sanitaria. Na súa intervención abordou temas como os consentimentos informados ou aspectos relacionados coa protección de datos médicos ou os historiais.

O segundo convidado da xornada foi Rafael Andrés Velázquez, profesor de Dereito Internacional Privado e de Dereito del Comercio Internacional da UVigo, que falou sobre o acordo de asociación xeoestratéxica entre a Unión Europea e Mercosur, analizando o seu impacto que pivota entre o proteccionismo e a mundialización. 

Durante a mañá, tamén interveu José Pérez Rodríguez, asociado sénior da área de Transporte e Mobilidade en Uría Menéndez, que se centrou nos retos e desafíos do Dereito Marítimo. O programa completouse cunha mesa redonda sobre os horizontes profesionais na que se detallaron os procesos de acceso á procuradoría, á notaría e ao rexistro da man de Joaquin Gabriel Santos, decano do Ilustre Colexio de Procuradores de Pontevedra; Ernesto Regeira, notario do Ilustre Colexio Notarial de Galicia e Sebastián Camacho, rexistrador da Propiedade de Ordes. Finalmente, tivo lugar un relatorio sobre a importancia da previsión social e as mutualidades, que impartiu Jesús González-Puelles, vogal do Consello Directivo da Mutua de Procuradores. 

Pola tarde, as actividades trasládanse á Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, onde terá lugar un relatorio sobre o Tribunal de Arbitraxe Deportivo, da man de Ignacio Triguero, socio de Ferrero Asociados Sports & Entertainment. Para completar o programa de hoxe terá lugar a Asemblea Xeral Ordinaria de Conede, na que se abordarán diferentes aspectos de interese para o alumnado, tanto dos graos en Dereito e dos dobres graos que inclúen esta titulación, como dos mestrados, os programas de doutoramento e tamén os procesos de oposición, abordando así toda a carreira académica relativa ao eido xurídico, dende a etapa formativa ata a súa incorporación ao mercado laboral, como explica Sandra Martínez.

Mañá venres o congreso terá como sede o salón de actos da UNED e comprenderá relatorios sobre a actuación dos xestores administrativos, sobre o Consejo General del Poder Judicial e unha sesión na que as e os asistentes poderán coñecer as claves para crear una app sen saber programar. Tamén se abordarán, ao longo da xornada, outros contidos, como os servizos de Santander Justicia, os retos do márketing no mundo xurídico ou o dereito penal como materia de negociación política. 

Na derradeira xornada do simposio, o sábado, o congreso regresa á Delegación da Xunta, onde se celebrará unha asemblea extraordinaria de Conede, o acto de clausura, coa presenza de Francisco Torres, decano Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo; Jesús Ruiz, presidente de Conede e Sandra Martínez, responsable da organización, e un relatorio de Juan Martínez Moya, maxistrado vogal do Consejo General del Poder Judicial.