DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A primeira sesión da iniciativa contou coa participación da escritora An Alfaya

A Aula Aberta de Educación e Traballo Social arranca falando das “infancias invisibles”

Do eido investigador estivo Jesús Deibe Fernández, especialista en menores en risco de exclusión

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Ourense 28/09/2022

Este martes pola tarde arrancou na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense unha nova edición da súa Aula Aberta, nada o pasado curso académico co dobre obxectivo de fomentar o uso do galego e a reflexión crítica sobre temas de interese social. A sesión, presentada pola alumna de Educación Infantil do centro Sandra González, contou coa participación da escritora An Alfaya, que na súa novela O grupo fala desa infancia invisible, e do profesor da Facultade de Educación e Traballo Social Jesús Deibe Fernández Simo, especialista no eido de menores en risco de exclusión social. Nela tratouse “esas infancias que transcorren por camiños complexos e que moitas veces nos pasan totalmente desapercibidas pero que forman parte da sociedade, como é a dos rapaces e rapazas en centros de menores”, tal e como explicou Isabel Mociño, vicedecana da facultade organizadora (e xunto á tamén profesora e vicedecana Ana Mª Iglesias responsable do seu plan de normalización lingüística).

A iniciativa, que ten o lema Á espreita dos ríos subterráneos, continúa este curso académico cunha programación de tres sesións centradas en “realidades invisibilizadas” que se desenvolverán ao longo do primeiro cuadrimestre coa participación das escritoras An Alfaya, Paula Carballeira e Eva Mejuto e con especialistas nos eidos abordados. A iniciativa, explican desde o centro, quere contribuír a fortalecer o plan de normalización do uso da lingua galega que ten a Facultade de Educación e Traballo Social nos seus graos en Educación Infantil e de Educación Primaria e conta coa colaboración da Vicerreitoría do Campus de Ourense, a Área de Normalización Lingüística e a Unidade de Igualdade da UVigo.

Máis programación

A segunda sesión da Aula Aberta será o 7 de outubro, ás 11.00 horas e co lema Ríos subterráneos: correntes migrantes. Neste caso, a reflexión focalizarase “na situación de persoas que vivindo na nosa sociedade moitas veces están invisibilizadas por prexuízos raciais ou de procedencia”. A visión literaria chegará da man da escritora Paula Carballeira, “unha das contacontos máis internacional que temos unha das primeiras que escribiu e deu voz a unha cultura diferente en lingua galega coa novela Smara”, tal e como comenta Isabel Mociño. Con ela estará Paula Jorge Horta, mestra formada na Facultade de Educación e Traballo Social ourensá e que ten abordado en primeira persoa nas súas canles en redes sociais os prexuízos raciais que ten vivido pola cor da súa pel.

A programación deste cuadrimestre da Aula Aberta da Facultade de Educación e Traballo Social rematará o día 4 de novembro, ás 11.00 horas, cunha sesión titulada Ríos subterráneos: identidades líquidas, centrándose neste caso nas identidades de xénero. “A sociedade está mudando a percepción da construción de xénero, da identidade, e queremos coñecer situacións e vivencias de persoas que transitaron por esa liña e que teñen moito que contar”, sinala Isabel Mociño. Nesta actividade participarán Eva Mejuto, escritora autora da obra 22 segundos, onde narra a vivencia de cambio de xénero dun adolescente; Éric Dopazo, músico e youtuber, e María Victoria Fernández Carrera, investigadora da UVigo especialista en temas de xénero e identidade. Todas as sesións, abertas ás persoas interesadas, celebraranse na sala Emilia Pardo Bazán da Facultade de Educación e Traballo Social, sendo a inscrición de balde.