DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Traballan na montaxe que presentarán nas mostras de teatro universitario 

A Aula de Teatro do campus prepárase para volver os escenarios

Aberta a toda a cidadanía, este luns comezaba a inscrición para o segundo cuadrimestre

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Teatro
  • Cultura
DUVI Pontevedra 29/01/2024

Dirixida a que tanto a comunidade universitaria como calquera persoa interesada poida iniciarse nas diferentes fases do proceso de creación dunha obra, desde o momento inicial da elección e lectura do texto ata a representación final, a Aula de Teatro do Campus de Pontevedra traballa por terceiro curso consecutivo na montaxe que presentarán na Mostra Internacional de Teatro Universitario (Miteu). Dirixida polo actor e director Jesús Salvador del Rio, a aula abre nestes días a inscrición para o segundo cuadrimestre, cun prazo para as persoas que xa participaron no primeiro cuadrimestre neste obradoiro, promovido coa colaboración da Deputación de Pontevedra, e outro para o público xeral, que neste caso terá que participar nunha entrevista previa “para garantir uns coñecementos mínimos de interpretación”, segundo recolle a convocatoria. 

Para as e os xa participantes nesta aula o prazo permanece aberto este luns 29 e martes 30, na plataforma Campus Activo, mentres que para o público xeral esténdese ata o mércores 31. “A idea da entrevista é non empezar de cero, porque o resto xa estiveron un cuadrimestre traballando con nós”, apunta Salvador del Río, que incide en que o propósito desta proba previa é garantir só “un mínimo de e experiencia”, así como coñecer a dispoñibilidade das persoas interesadas de cara participar nunha actividade que se desenvolve nas tardes dos luns e mércores, en horario de 18.30 a 21.30, na Facultade de Belas Artes. Deste xeito búscase poder inserir as novas incorporacións na dinámica de traballo dun grupo que nesta segunda parte do curso centrará a súa actividade na preparación da montaxe teatral que, entre abril e maio, presentará tanto na Miteu de Pontevedra, como nas de Vigo e Ourense. “Será unha mestura de escenas de diferentes obras con achegas propias do grupo”, adianta Salvador del Río da montaxe na que traballarán nestes meses tanto as nove persoas que permanecen do primeiro cuadrimestre como as novas incorporacións. 

Previamente, o traballo desta aula centrouse no primeiro cuadrimestre en aspectos como a “posta a punto corporal e vocal”, a través dun conxunto de exercicios prácticos. “A evolución foi moi boa”, recoñece Salvador del Río do traballo desenvolvido nun obradoiro que comeza sempre “desde cero” e que, a través dunha serie de exercicios prácticos, busca “fomentar a capacidade de concentración, memoria, oratoria e expresión, creatividade, imaxinación, sentido do rimo e musicalidade”. Impartido polo responsable de Teatro de Ningures, xunto con Omar Ferrín e Sonia Rúa, os resultados deste obradoiro tratarán de levarse novamente tanto á Miteu como a outras mostras de teatro universitario, fóra da UVigo.