DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o Barómetro da Fenda de Xénero nos estudos TIC da Cátedra Aldaba-WIB

Aumenta o número de alumnas nos graos de Enxeñaría Informática da UVigo e da UDC

Representan respectivamente o 19% e 18% das persoas matriculadas no curso 2023/2024

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Investigación
  • Institucional
DUVI Ourense 18/03/2024

A Cátedra Aldaba-WIB (Women, ICT & Business) das universidades de Vigo e A Coruña e a empresa tecnolóxica Aldaba fixo público este luns os datos do seu Barómetro da Fenda de Xénero nos Estudos TIC. Nel destacan o aumento do número de alumnas nos graos de Enxeñaría Informática nestas dúas institucións académicas, representando respectivamente o 19% e 18% das persoas matriculadas no curso 2023/2024.

Segundo indican desde a cátedra, os resultados máis recentes do seu barómetro “revelan un aumento significativo na matriculación de mulleres no Grao de Enxeñaría Informática para o curso 2023/2024, amosando unha tendencia positiva nos últimos cursos tanto na UDC como na UVigo, a excepción do curso 2022/2023”. Así, detallan, no caso da Universidade de Vigo, no seu Grao de Enxeñaría Informática, que se imparte na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, os datos amosan que dun 13% de matriculación feminina en 2020/2021 pasouse a un 19% de matriculación este curso académico. Polo que respecta á matriculación feminina no Grao de Enxeñaría Informática da UDC, desde a súa creación en 2010/2011 ata o curso 2020/2021 mantívose en cifras entre o 8% e o 13%, chegando agora ao 18%. En ambas universidades, os números alcanzan o 23% e 21%, respectivamente, se se inclúen as alumnas matriculadas nos graos de Ciencia e Enxeñaría de Datos e de Intelixencia Artificial.

Un cambio positivo

Estes datos, comentan desde a Cátedra Interuniversitaria Aldaba-WIB, “poden reflectir un cambio positivo na dinámica de xénero no ámbito tecnolóxico e unha maior apertura cara á participación feminina nun campo historicamente dominado polo sector masculino”. Tamén, engaden, reflicten “o éxito dos esforzos combinados polas diferentes institucións e a comunidade educativa para superar barreiras de xénero e crear un ambiente inclusivo que fomente a diversidade no ámbito tecnolóxico”. Neste senso, poñen en valor o traballo desta cátedra desde a súa constitución en 2019, “apoiando e promovendo actividades específicas para captar o interese das novas aspirantes a enxeñeiras informáticas”.

Aínda que son cifras “alentadoras e representan un paso positivo”, subliñan desde a entidade, “hai que tomalas con precaución, e haberá que agardar aos próximos cursos para confirmar que esta tendencia ascendente na matriculación de mulleres mantense no futuro”. Aínda existen, indican, “grandes desafíos a superar para lograr unha representación equitativa de xénero na enxeñaría informática” e neste senso recalcan que a Cátedra Aldaba-WIB “continúa comprometida en abordar estes desafíos para lograr un futuro máis inclusivo e diverso neste ámbito”.