O filme Donkey Xote (José Pozo, 2007) chegou a gran pantalla disposto a facer atractiva a obra de Cervantes a pequenos e adultos incidindo no humor e na simbiose entre a época cervantina e o mundo moderno. Voces tan coñecidas como as de José Luis Gil, o señor Cuesta de Aquí no hay quien viva, no papel de Don Quijote, ou dos presentadores André Buenafuente, no papel de Sancho Panza, e Sonia Ferrer, no de Dulcinea del Toboso, foron os encargados de pórlle voz á versión animada do clásico de Cervantes. Traducida a catro idiomas –inglés, italiano, catalán e galego- e visionada en máis de 26 países, o filme serviulle á investigadora Mercedes Ariza como ferramenta ideal para realizar unha tese de doutoramento coa que arroxar luz sobre a tradución das adaptacións audiovisuais de obras literarias.
Unha vez finalizado o estudo a conclusión da investigadora é clara: as versión galega, catalá e inglesa son as que máis respectan o filme orixinal, mentres que a dobraxe italiana é a que máis se afasta e a que introduce un maior número de alusións para os adultos.
24/02/2015