DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Así o expuxo o seu presidente nunha conferencia na EU de Estudos Empresariais

A Cámara de Comercio de España ve nos fondos europeos unha “oportunidade única” para transformar o país

As actividades do centenario da escola continúan este xoves coa inauguración dunha exposición fotogr

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Académica
D. Besadío DUVI 19/05/2021

Os fondos europeos van permitir o despegue do proceso de transformación que España necesita e a Cámara de Comercio de España vai pór todo o seu empeño en logralo. Así o expuxo o seu presidente, José Luis Bonet, na Xornada Recuperación económica post-covid e fondos Next Generation, organizada pola Escola Universitaria de Estudos Empresariais con motivo do seu centenario. Presentado pola directora da escola, Consuelo Currás, Bonet resaltou a “oportunidade histórica para a transformación da economía” que representa o financiamento con 140.000 millóns de euros destes fondos europeos e o papel que terán as cámaras de comercio na súa xestión. 

“Si sabemos aproveitala, será unha oportunidade única para transformar e modernizar o país, e isto é o que se vai a xogar España nos próximos seis anos”, recalcou Bonet, ao que tamén engadiu que “ao final non hai mal que por ben non veña”, no senso de que se ben a pandemia foi un auténtico desastre, “equiparable só á Guerra Civil”, trae consigo unha oportunidade inmensa de dar un novo salto en beneficio do benestar dos españois e da potencia económica do país. Desde o seu punto de vista, este novo salto sumarase aos conseguidos coa Transición e a incorporación á Unión Europea, “saltos que, tras o aperitivo de 2008, se frearon en seco coa pandemia”.

“Axentes clave” na xestión dos novos proxectos europeos

A capilaridade do sistema cameral, a experiencia como organismo intermedio na xestión de fondos europeos e a natureza pública das cámaras de comercio, “que traballan polo interese xeral” converten, segundo o seu presidente, ás cámaras de comercio en “axentes clave” para colaborar co goberno na xestión dos novos proxectos europeos, facendo unha chamada neste sentido á necesaria colaboración público-privada, “algo que xa se puxo de manifesto durante a propia pandemia”, e a implicación das empresas, ás que situou no epicentro da crise “xa que son o verdadeiro motor da economía e o emprego”.

Os fondos Next Generation son, a xuízo de Bonet, unha guía de por onde ten que ir esta transformación ou reinvención da economía española. “Ante unha situación tan tremenda como a pandemia, na que todos puidemos ver a morte en fronte e que, por desgraza, levou a moitos por diante, hai que facer un certo exame de conciencia, non renderse e esforzarse para sobrevivir e mellorar”, recalcou o empresario, presidente de honra da empresa Freixenet,  e quen, tal e como lembrou a directora da escola, exerceu durante 47 anos como profesor de Economía Política e Facenda Pública da Universidade de Barcelona.

O plan de transformación debe vertebrarse, segundo estable a UE, en tres eixes claves: sostenibilidade/transformación ecolóxica, dixitalización e formación, ás que el engadiu dúas novas cuestións: a internacionalización e o emprendemento. “Non son cousas que non estiveran xa, pero si que agora se puxeron con moitísima máis claridade, e o que se pide e acelerar todo este proceso”, recalcou o responsable da Cámara de Comercio, quen insistiu en que neste momento España ten que completar a súa adaptación á globalización. “A internacionalización da economía é unha das pezas claves da recuperación”, ao igual que a dixitalización, xa moi avanzada nas grandes empresas pero non tanto nas pemes, “motor do tecido empresarial do país”, recalcou nunha intervención na que tamén adiantou que a cámara fortaleceu a súa oficina en Bruxelas, “pois é evidente que indo a máis Europa temos que estar máis presentes alí”.

Mesa redonda con representantes da CEP, Gadisa e Optare 

Ademais da conferencia de José Luis Bonet a xornada completouse coa mesa redonda Ollando ao futuro desde a empresa galega, que contou coa intervención do presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros; Luis Alves, do grupo Optare Solutions, compañía líder na integración de sistemas en operadores de telecomunicación, e Pablo Louro, delegado de Gadisa en Pontevedra, e que foi moderada pola profesora da Universidade de Vigo Lucy Amigo, actual decana do Colexio de Economistas de Pontevedra.

Exposición coas imaxes que participaron no concurso fotográfico

A programación de actividades do centenario da escola continuará mañá xoves coa inauguración dunha exposición que recolle unha selección das imaxes presentadas ao concurso fotográfico organizado desde o centro para celebrar esta data. Presentáronse ao certame máis de 60 propostas, resultando gañadoras, na modalidade fotografía única, Presencial y virtual de Diego Pérez Casal, unha fotografía en branco e negro que, segundo o xurado, “condensa nunha imaxe o percorrido histórico da escola co presente máis inmediato ao fundir a presenza emblemática do edificio coa súa representación nun teléfono móbil en primeiro plano”; e ,na categoría de serie fotográfica, Cinco veintenas, de Juan Fernández Calleja, un mosaico de cinco imaxes da escola e dende a escola, “pola súa destreza fotográfica ao incorporar distintas perspectivas e xogar coa luz en varios momentos do día ademais de mesturar o edificio e a súa contorna dun xeito dinámico e equilibrado”.