DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cuarta edición do Galicia Sportech Congress desenvólvese en CC da Educación e do Deporte

O campus acolle un congreso sobre innovación tecnolóxica e transformación dixital no ámbito deportivo

Coa participación de máis de 50 conferenciantes

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI Pontevedra 09/04/2024

Ofrecer unha visión xeral sobre os cambios que se están a producir na industria do deporte, nun contexto marcado pola transformación dixital e implantación de novas ferramentas tecnolóxicas, é o obxectivo central do Galicia Sportech Congress, que entre este luns e mércores desenvolve a súa cuarta edición na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Promovido polo Concello de Pontevedra e as empresas Diesemm e Hubin, co apoio, entre outros, desta facultade da UVigo, o congreso conta coa participación de máis de 50 conferenciantes e combina no seu programa as conferencias e mesas de debate, con clínics deportivos ou demostracións de ferramentas tecnolóxicas. Entre as e os participantes neste foro, que contaba na mañá deste martes coa participación do xornalista deportivo José Ramón de la Morena, figuran tanto representantes de clubs como o FC Barcelona, o RC Celta, o Sporting de Braga ou o CAB Obradoiro, como responsables de federacións deportivas, empresas e investidores.

Presentado pola organización como “unha cita pioneira centrada na aplicación de novas tecnoloxías ás distintas disciplinas deportivas” que ten como finalidade “unir o ecosistema do deporte galego”, a inauguración deste congreso contou coas intervencións do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o decano de Ciencias da Educación e do Deporte, Óscar García; o xerente da Fundación Deporte Galego, Iván Clavel; e os fundadores deste evento, David Suárez e Lalo García. “Que teñamos este congreso aquí permite ao noso estudantado, egresados e profesorado entrar en contacto con esas innovacións tecnolóxicas e desenvolver mellor o seu labor”, salientou García, que incidiu na importancia de “comezar a distinguir o gran da palla nesta era tecnolóxica” e que as e os profesionais teñan acceso directo a novas ferramentas tecnolóxicas, como fai posible este congreso, grazas á exhibición das innovacións de preto de 25 empresas. “Creo que está no sitio adecuado”, engadiu o decano, que lembrou que a facultade conta tanto co Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte como con estudos de mestrado e doutoramento “directamente relacionados co contido deste congreso”. 

Nesa mesma liña, Fernández Lores definiuno como “un congreso de vangarda” e incidiu na importancia que ten para Pontevedra o “ecosistema” ligado ao deporte, do que forman parte tanto a facultade como o Centro Galego de Tecnificación Deportiva, e que “non funcionaría se non nos adaptamos ás novas tecnoloxías”. David Suárez, pola súa banda, destacou que “cremos que o congreso é xa unha referencia”, mentres que Lalo García subliñou que a facultade acolle nestas xornadas “os referentes da industria”, co obxectivo de coñecer “as últimas tendencias e innovacións”, tanto no eido da xestión, como do rendemento ou o seguimento do deporte.

Tres días de conferencias, mesas e demostracións

O cuarto Galicia Sportech Congress arrancou este luns cunha xornada virtual, que puido seguirse por videoconferencia desde doce países, segundo apuntan desde a organización, e que estivo dedicada os hubs de innovación no deporte. Xa este martes, o congreso iniciou a súa actividade presencial coa presentación da rede social de fútbol, xornalismo e comunicación deportiva Febeerse, nun coloquio que contou coa participación de José Ramón de la Morena. O programa desta xornada abrangue tamén un relatorio sobre realidade virtual, da man de César Quinteiro, de Meristation; un coloquio con María Canle, directora de Comunicación e Sostibilidade da marca de roupa ElPulpo, que vestirá ata 2026 á Real Federación Española de Fútbol, e unha presentación de André Viana, o asesor do Sporting de Braga.

De xeito simultáneo, un segundo espazo acolle unha serie de clínics de diferentes disciplinas deportivas. Nesta xornada tiveron lugar, entre outros, un dedicado ao fútbol, que contou coa participación de Juan Redondo, adestrador da canteira do Celta, e Daniel Fernández, scouting do Betis, xunto con outro centrado na análise de datos no baloncesto, coas intervencións de Miguel David Monzón, director académico de Sport Data Campus, e Fran Camba, analista do Obradoiro. Este segundo espazo complétase co apartado no que unha serie de startups presentan as súas innovacións, iniciativa á que se sumará na xornada do mércores a Sportech Competition, no que diferentes compañías deberán propor solucións a unha serie de retos formulados por empresas, clubs ou federacións.