Vicerreitoría e Concellería de Promoción Económica promoven unha actividade aberta á cidadanía
Un ciclo busca conectar as disciplinas STEM co ensino, a lectura e as artes
Conformado por cinco sesións, a inscrición permanece aberta desde este luns
Cinco sesións, que permitirán achegarse á ficción dixital, á creación de narrativas interactivas e ás aplicacións educativas da intelixencia artificial, á vez que desenvolver murais que poñan de relevo problemáticas medioambientais, conforman o Ciclo ST2REAM, dirixido a conectar as disciplinas STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas), co ensino, a lectura e as artes. Promovido pola Vicerreitoría do campus e a Concellaría de Promoción Económica e Universidade, trátase dunha actividade aberta ao conxunto da cidadanía e con inscrición gratuíta, que permitirá “adquirir un maior dominio das novas tecnoloxías, sen esquecer o vínculo coas humanidades e a sostibilidade”, como salienta a directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Eulalia Agrelo.
Deste este luns permanece aberta, na plataforma Campus Activo, a inscrición nun ciclo que oferta 15 prazas e que se insire no programa de actividades impulsado ao abeiro do convenio entre a UVigo e o Concello de Pontevedra para o desenvolvemento de actividades nos ámbitos da cultura, educación, deporte, medio ambiente e novas tecnoloxías. Entre o 22 de outubro e o 23 de novembro terán lugar no campus as cinco sesións dunha actividade que pon o foco, como sinala Agrelo, nunha das “modalidades xurdidas a partir das áreas STEM”, siglas ás que se engaden un segundo T, correspondente a ensino (teaching), o R da lectura (reading) e o A das artes. “Os seus propósitos diríxense á formación de persoas baixo as liñas da colaboración, o pensamento crítico, a creatividade, a innovación, a investigación, etc”, engade Agrelo dunhas actividades que combinarán "unha parte teórica inicial" co traballo práctico nas diferentes temáticas.
Ficción dixital e narracións interactivas
O ciclo botará a andar o vindeiro venres 22 de outubro na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte coa actividade Ler o xogo: ficción dixital e educación cultural e literaria, a cargo do investigador Lucas Ramada. Achegar os e as asistentes á ficción dixital, a través do xogo e a conversa ao redor dunha selección de obras representativas é o propósito dunha actividade que, como sinala o texto de presentación do ciclo, parte do feito de que “a pesar de que case o 80% da poboación en idade de escolaridade obrigatoria consume regularmente formas de ficción dixital”, esta segue "sen formar parte dos programas e accións institucionais”.
Unha semana despois, terá lugar nesta facultade Circuítos en papel e escritura creativa, unha actividade dirixida a “todas as persoas que desexen iniciarse nas novas metodoloxías de aprendizaxe para a creación en papel de historias e narracións interactivas”. A especialista en ensinanzas STEAM e experta en deseño de téxtiles intelixentes Paola Guimeráns encargarase de impartir unha actividade, dirixida a experimentar con materiais que permiten facer circuítos en papel sen necesidade de cables e soldaduras e que “poden incorporarse ás prácticas educativas e profesionais”.
Murais para concienciar sobre o futuro do planeta
O 6 de novembro terá lugar, na Escola de Enxeñaría Forestal, Panel interactivo. O futuro do planeta, unha actividade conducida pola mestra Laura Jiménez, que porá o foco en diferentes problemas medioambientais para, a través da realización dun mural, propor tanto “unha mensaxe de esperanza”, como “solucións para o cambio”. Así mesmo, as e os participantes tamén poderán visualizar a través duns lentes 3D un panel no que se observan as diferencias entre o planeta actual e o futuro, como consecuencia do cambio climático, a deforestación, a perda de acceso a auga doce ou a extinción de especies.
A realización dun “mural xigante”, con elementos que se poden atopar na natureza e materiais reciclados, será así mesmo o eixo da seguinte iniciativa deste ciclo, dirixida a “promover unha conciencia medioambiental e exhibir a problemática desde unha perspectiva innovadora e visual”. Coordinada por Andrea Brión, a sesión Mural Artland. A hora do planeta levarase a cabo na EE Forestal o 12 de novembro e completarase co rexistro, por parte dun dron, da mensaxe á que os participantes dean forma nese mural xigante.
Por último, o 23 de novembro, o ciclo pecharase con Descubrindo a intelixencia artificial (AI) e as novas tecnoloxías, unha actividade que busca promover unha “aproximación práctica á AI e á súa aplicación educativa”. O docente e divulgador científico David Ballesteros e o maker Santiago Vieito impartirán na Facultade de Fisioterapia unha sesión dirixida a achegar o alumnado “a importante presenza” da intelixencia artificial na vida cotiá, desenvolver actividades dirixidas a poder crear contidos educativos e explorar outra serie de “ferramentas tecnolóxicas innovadoras que poden integrarse na aula”.