DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A primeira das sesións terá lugar o martes 3 de novembro

Un ciclo de conferencias afondará na relación entre empresa familiar e sostibilidade

Representantes do sector en Galicia exporán a súa experiencia en accións de circularidade económica

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Ourense 29/10/2020

Baixo o título Empresa familiar e sostibilidade, a Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo desenvolverá este curso académico un ciclo de conferencias no que representantes do sector en Galicia exporán a súa experiencia en accións de circularidade económica, entendendo por circularidade económica a estratexia centrada na redución tanto do consumo de novas materias primas como da produción de residuos.

A primeira das sesións, que se desenvolverá de xeito virtual a través do Campus Remoto da UVigo, terá lugar o martes 3 de novembro, ás 9.30 h, e contará coa participación de Josefa de León, de Agroamb Prodalt SL, e Maite González, de Cuevas Marrón Glace. A conferencia será presentada por Elena Rivo, co-directora da Cátedra Empresa Familiar xunto a Santiago Lago, e Miguel Rodríguez, profesor titular de Economía Aplicada. Tras esta intervención está previsto que o ciclo conte neste 2020 con outra intervención a finais de novembro ou principios de decembro para logo continuar en 2021 con outras sesións. En todos os casos, as conferencias contarán coa participación de representantes de empresas familiares galegas, intentado abranguer as diferentes provincias, que poidan explicar iniciativas relacionadas co compromiso coa sostibilidade e a economía circular.

Do marco europeo ao galego

Sobre a importancia de abordar esta temática da economía circular, desde a Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo destacan como “as políticas para impulsar unha economía circular téñense convertido nunha prioridade en Europa, especialmente desde a aprobación do Paquete de Economía Circular da UE no ano 2015”. Así, detallan, a presentación do Pacto Verde Europeo (Green Deal) en 2019 “representa o novo marco político de referencia para avanzar na economía circular, establecendo unha folla de ruta con accións para impulsar un uso eficiente dos recursos, restaurando a biodiversidade e reducindo a contaminación”. Ademais, engaden desde a cátedra, vinculado á actual situación xerada pola covid-19 a Comisión Europea presentou un Plan de Recuperación para Europa. “Para mobilizar os investimentos necesarios, a Comisión presenta un novo instrumento de recuperación dotado con 750.000 millóns de euros para o período 2021-2024, coñecido como Next Generation EU, e un orzamento europeo a longo prazo reforzado para o período 2021-2027 por valor de 1,1 billóns de euros”, destacan. Este plan, apuntan, “priorizará aquelas actuacións incluídas no Pacto Verde Europeo e por tanto aliñadas cos obxectivos da economía circular”.

Neste contexto europeo, desde a Cátedra de Empresa Familiar da UVigo apuntan como as empresas familiares galegas e as entidades que as representan, como a Asociación Galega de Empresa Familiar (AGEF), “non son alleas a esta realidade” e “moitas delas son un exemplo a seguir en materia de economía circular”. Por este motivo, engaden, xorde un ciclo de conferencias que pretende visibilizar a experiencia galega de empresas familiares en accións de circularidade económica e fomentar neste sector a aposta por esta liña de actuación. Segundo o último informe da Asociación Galega da Empresa Familiar, en Galicia o 92,4% das empresas son familiares. Trátase, na súa meirande parte, de microempresas que, no seu conxunto, achegan o 85% do valor engadido bruto (VEB) empresarial galego e concentran o 83,3% do emprego privado do país (preto de 380.000 empregos).