DUVI

Diario da Universidade de Vigo

‘E despois, que?’ reúne titulados e tituladas cunha importante traxectoria profesional

Un ciclo de conferencias sitúa o alumnado ante as opcións laborais que se abren tras cursar Belas Artes

Arranca este mércores co relatorio do artista e comisario Daniel Silvo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 28/09/2022

E despois, que? é o título do ciclo de conferencias que nestas semanas achega á Facultade de Belas Artes unha serie de profesionais que centran a súa traxectoria en ámbitos como o comisariado artístico, o cinema, a fotografía, a xestión cultural ou a dirección de museos e que teñen en común a súa formación en Belas Artes. A través das súas experiencias e traxectoria, esta actividade busca amosar ao alumnado “as diferentes saídas profesionais que ten o grao”, como salienta o vicedecano Carlos Tejo. O ciclo arranca na tarde deste mércores coa participación do artista, comisario e responsable da Galería Nueva en Madrid, Daniel Silvo. Nas próximas semanas contará coa participación da comisaria Paula Cabaleiro, a artista Judith Adataberna, o ex-director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) Manuel Olveira, a fotógrafa Maya Kapouski e á directora de márketing de Cabo de Peñas, Rosario Carballo. 

Aberto ao público e conformado por seis sesións, o propósito E despois, que? Experiencias profesionais do grao en Belas Artes é que os convidados e convidadas, catro delas egresadas da facultade, afonden en “cales foron as súas saídas profesionais a partir de facer a carreira”, como apunta Tejo, coordinador dun ciclo organizado coa colaboración dos departamentos de Debuxo, Escultura e Pintura. Cada un deles, explica, propuxo dous dos participantes nunha actividade que busca “verter luz sobre unha materia tan importante como son as saídas profesionais” a través de “xente cunha traxectoria profesional importante”, que á súa vez permite amosar aos futuros egresados e egresadas o “amplo abano de posibilidades” que se lles abre tras rematar a súa formación.

“Unha forma diferente de resolver diferentes situacións”

Doutor en Belas Artes pola Universidad Complutense de Madrid, o artista e comisario Daniel Silvo é na tarde deste mércores o encargado de abrir este ciclo de conferencias, a proposta do Departamento de Debuxo. “Daniel é unha persoa moi polifacética, que pode ofrecer distintas ventás nas que o alumnado poida asomarse”, salienta o director deste departamento, Nono Bandera, responsable de presentar esta primeira conferencia. Profesor da Universidad Francisco de Vitoria, na traxectoria artística de Silvo destaca a súa participación en exposicións colectivas no Museo Reina Sofía ou na Fondation Cartier de París, ás que se suma o seu labor “como un comisario moi imaxinativo, con exposicións moi relevantes”, a súa traxectoria na dirección de feiras de arte como arte como JustMad e JustLX, en Madrid e Lisboa, xunto coa súa faceta de impulsor do estudio Atelier Solar e da Galería Nueva.

A través dun achegamento ás “diferentes facetas” do traballo que foi desenvolvendo ao longo dos anos e que, como recoñece, cando comezou os seus estudos “en ningún caso contemplaba”, Silvo busca precisamente “ampliar un pouco espectro” do alumnado respecto das súas opcións profesionais e animalos “a que non teñan medo a lanzarse e experimentar con outras formas de traballar coa arte”. Como lembra, “eu fixen Belas Artes pesando en ser deseñador” e por aquel entón “nin sabía ben o que era un comisariado”. Mais, engade, “á hora de formarte, os teus intereses vanche levando a aprender aquelas cousas que máis che interesan”. Neste punto, Silvo pon de relevo que Belas Artes “é unha carreira moi versátil, na que un descubre tamén as súas propias ferramentas de aprendizaxe”, así como o feito de que o propio traballo de produción artística permite aprender “a relacionarte coas obras dunha forma moi familiar”, o que contribúe a achegarse dunha forma diferente ás tarefas de comisariado. “Os artistas o que facemos ao final é resolver situacións dunha forma creativa, polo que en calquera ámbito profesional, sexa o traballo que sexa, alguén de Belas Artes ofrece unha forma diferente de resolver diferentes cuestións”, conclúe este artista e xestor cultural.

Cinco sesións por diante

O ciclo continúa o vindeiro luns 3 de outubro coa crítica e comisaria Paula Cabaleiro, licenciada en Belas Artes pola UVigo e directora de Cultura da Deputación de Pontevedra. Membro do Consello da Cultura Galega, a traxectoria de Cabaleiro abrangue múltiples traballos de comisariado, desde o Espazo de Arte do Culturgal, ao ciclo Mulleres en acción: Violencia Cero, así como a dirección durante cinco anos do Museo de Arte Contemporáneo Florencio de la Fuente, en Cuenca. O xoves 6 chegará a quenda da tamén egresada da facultade Judith Adataberna, unha artista visual que traballa no ámbito da fotografía, a videoinstalación e o cinema experimental, cuxos traballos foron seleccionados para festivais como Curtocircuíto, Filmadrid ou Interseccións.

Tamén en outubro, o venres 14 participará no ciclo o que fora director tanto do CGAC como do Museo de Arte Contemporáneo de Castilla y León (Musac), Manuel Olveira, “unha persoa cunha amplísima traxectoria na dirección e xestión de museos”, como sinala Tejo. Licenciado en Belas Artes pola Universitat de Barcelona, historiador da arte e comisario, Olveira foi tamén director do centro cultural Ágora da Coruña  e do centro de produción e residencias artísticas Hangar, en Barcelona.

Xa en novembro, a actividade continúa o mércores 9 coa egresada Maya Kapousky, quen combina a súa faceta como artista visual coa fotografía de moda, e pecharase o día 16 coa tamén ex-alumna Rosario Carballo, directora de márketing da conservera Cabo de Peñas.