DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha conferencia de Javier Serrano, CEO de Mentiness, e o investigador Ernesto López

Ciencias Empresariais e Turismo acolleu unha nova edición das ‘Conversas sobre emprendemento’

No marco do programa de mentorización deste centro chamado Meta

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Emprender
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Ourense 08/02/2024

Esta semana arrancou na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense unha nova edición de Conversas sobre emprendemento. Trátase dun ciclo de conferencias-coloquio que ten como obxectivo “promover a divulgación científica, o emprendemento e a cultura empresarial da cidadanía e pór en valor a importancia da investigación en economía e empresa”.

Na sesión, celebrada o mércores, participaron Javier Serrano, CEO de Mentiness, e Ernesto López Valeiras, investigador en Control de Xestión na Universidade de Vigo, sendo Diego Toubes, profesor de Dirección Estratéxica tamén na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, o moderador da sesión. Ademais de aspectos relacionados co emprendemento, na conversa abordáronse temas relacionados coa xestión de estrés na empresa, a analítica de persoas, a saúde mental e os achados da investigación nestes campos.

As Conversas sobre emprendemento forman parte das actividades de Meta, programa de mentoría de Ciencias Empresariais e Turismo, e nelas colaboran, ademais da propia facultade, Startup Galicia e AFFE.  A idea destas conversas é que “un investigador comparte o escenario cun profesional relacionado co emprendemento”, sendo os temas elixidos “de interese xeral, abordando asuntos de actualidade relacionados co mundo da empresa e a súa conexión coa sociedade e o medio ambiente”. Este formato, indican desde a súa organización, “fomenta o debate e a crítica de novos coñecementos, ideas e opinións entre amplos colectivos sociais”.