DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con estas tres novas incorporacións, son xa 13 os que teñen recoñecemento

Cintecx e as facultades de Comunicación e de Comercio, novos centros que lucirán o Distintivo de Igualdade

A UVigo foi en 2021 a primeira universidade de España en poñer en marcha un selo deste tipo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
M. Del Río DUVI 19/03/2024


A posta en marcha en 2021 do Distintivo de Igualdade convertía a Universidade de Vigo na primeira de todo o Estado español en contar cun selo deste tipo. Agora, co fallo da cuarta convocatoria, a institución académica suma xa 13 centros con este recoñecemento, ao seren seleccionados na edición de 2024 o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx), a Facultade de Comunicación e a Facultade de Comercio. Os tres obtiveron unha cualificación superior a 80 puntos (85, 81 e 80, respectivamente) como requiren as bases, polo que pasarán a lucir a insignia que acompaña este distintivo e recibirán 3000 euros cada un para desenvolver políticas de promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes.

As tres responsables dos centros, Concepción Paz, directora do Cintecx; Emma Torres, decana de Comunicación e Consuelo Currás, decana de Comercio, reciben esta distinción coa ledicia e o orgullo que implica obter un recoñecemento ao traballo colectivo a prol da igualdade desenvolvido durante anos polas comunidades educativas que integran estes centros. Esa é precisamente a premisa coa que naceu o distintivo, “visibilizar e recoñecer pública e institucionalmente o esforzo de moitas persoas que, na Universidade de Vigo, loitan día a día por investigar, ensinar, transferir, xestionar e producir coñecemento científico, incorporando a mirada de xénero e feminista” e traballando para “conquerir unha Universidade máis humana, igualitaria e xusta”.

Estes tres novos centros únense a unha listaxe que inaugurou a Facultade de Filoloxía e Tradución e á que se foron sumando as de Educación e Traballo Social, de Ciencias Xurídicas e do Traballo, de Ciencias Económicas e Empresariais, de Dereito do campus de Ourense; as escolas de Enxeñaría de Minas e Enerxía, de Enxeñaría de Telecomunicación; así como o CIM-Centro de Investigación Mariña, o CINBIO, Centro de Investigacións en Nanomateriais e Biomedicina e o centro de investigación atlanTTic.

Cintecx aposta pola igualdade nun eido masculinizado

A candidatura que obtivo mellor puntuación foi a do Cintecx, que como explica a súa directora, Concepción Paz, “é un centro de investigación do ámbito tecnolóxico-industrial cunha situación de partida masculinizada” pero cun firme compromiso con acadar “a igualdade efectiva entre mulleres e homes”. Dende a súa creación, lembra Paz, sempre se puxo o foco en “intentar remover os obstáculos que dificultan e, nalgúns casos, impiden a igualdade efectiva”, poñendo en marcha medidas para eliminar a discriminación por razón de sexo no centro e incorporando a perspectiva de xénero en todas as fases do proceso investigador ou mesmo “urxindo a instancias superiores, cando corresponde, medidas que garantan o progreso das carreiras das nosas investigadoras en igualdade de condicións”. O último exemplo deste compromiso foi a presentación, a pasada semana, dunha guía práctica para integrar a perspectiva de xénero nas investigacións tecnolóxicas e industriais. 

Para Concepción Paz, o feito de obter este distintivo “supón un importante respaldo ao compromiso de Cintecx coa igualdade, a diversidade e a inclusión e anímanos a continuar nas nosas actuacións futuras nesta senda”.

A formación en igualdade, crucial para as e os futuros comunicadores

Para a decana da Facultade de Comunicación, Emma Torres, a concesión do Distintivo de Igualdade ao centro pontevedrés é un recoñecemento “ao esforzo realizado por este equipo e os anteriores”, mais tamén “un aliciente para seguir traballando neste camiño”. Torres destaca o positivo dunha iniciativa que contribúe “á visualización do traballo que se está facendo a prol da igualdade, que nun centro con maioría de matrícula feminina, parécenos especialmente importante”. A decana pon o foco na necesidade de que o estudantado conte cunha “formación transversal” neste eido para que no seu futuro como profesionais “teñan esa responsabilidade de seguir traballando pola igualdade”. Por unha banda, porque a comunicación é un sector “no que as mulleres teñen moito camiño que percorrer”, pero tamén por ser unha área cun papel clave na concienciación cidadá. “É unha cuestión fundamental en todas as facultades, pero para futuros comunicadores e comunicadoras é crucial”, subliña Torres. De aí que, lembra, o centro fixese especial fincapé en promover unha “formación extra-académica na que mulleres profesionais viñeran a facultade e falaran da súa experiencia”, ao que se suma o labor de divulgación realizado, “tanto en centros educativos, como dirixido á sociedade en xeral”, así como o traballo das investigadoras e investigadores da facultade, abordando ámbitos como “a representación sexista na comunicación”.  

Dando voz ás mulleres referentes no eido empresarial

A Facultade de Comercio é o terceiro dos centros que obtén o Distintivo de Igualdade na convocatoria de 2024. Como explica a súa decana, Consuelo Currás, este era un dos obxectivos recollidos no seu programa electoral e, polo tanto, recibe este recoñecemento “con moita ledicia e co compromiso de continuar a traballar pola igualdade de xeito transversal”. Como ela mesma lembra, “somos un centro pequeno e singular cunha traxectoria de máis de cen anos, con máis do 50% de alumnas en todas as titulacións e levamos moito tempo realizando actividades académicas e de sensibilización para dar voz e visibilidade ao traballo das mulleres en sectores e postos especialmente masculinizados e propor modelos de referencia de mulleres en postos de decisión, de liderado e de actividade emprendedora”. 

Currás pon especialmente en valor o labor do persoal docente da facultade, “que dende os anos 80 do século pasado incorporaron a perspectiva de xénero e a igualdade nas súas investigacións, na docencia e na transferencia, que abriron camiños nos que hoxe transitamos e dos que nos sentimos herdeiras. Agora temos por diante a tarefa de afondar na igualdade nos tres sectores: alumnado, PAS e PDI, e en todas as actividades: docencia, investigación e transferencia, espallando a importancia da igualdade na sociedade a  transmisión dos valores igualitarios”.