DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes presentouse o libro ‘María e a roda que non para’

Un conto para recuperar a memoria social da tradición oleira de Bamio

Trátase dunha iniciativa do Grupo de Innovación Docente en EduAcción Patrimonial da UVigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Investigación
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 27/02/2024

Este martes presentouse no Concello de Vilagarcía de Arousa o libro María e a roda que non para. Trátase dunha publicación do Grupo de Innovación Docente en EduAcción Patrimonial da Universidade de Vigo (GIDEP) que quere dar un paso máis no seu traballo de recuperación da memoria social da tradición oleira de Bamio.

O libro foi publicado mediante unha axuda económica para a divulgación das actividades dos grupos de innovación docente da Universidade de Vigo e en colaboración co Concello de Vilagarcía de Arousa, que paga a edición impresa. Está coordinado por Beatriz Comendador, profesora da Facultade de Historia do campus de Ourense e responsable do GIDEP; conta con textos dela e de Andrea Mouriño e ilustracións de Sónia Borges. Na súa presentación este martes participaron, ademais de Beatriz Comendador, Sonia Outón, concelleira de Cultura de Vilagarcía de Arousa, e Isabel Rodríguez, presidenta da Asociación de Mulleres Rurais de Bamio, que amosaron a súa satisfacción pola publicación deste conto.

Proxecto Louceir@s de Bamio

A iniciativa enmárcase no proxecto Louceir@s de Bamio, de recuperación da memoria social da tradición louceira do barro de Bamio e a cultura marítimo/fluvial de Arousa/Ulla (Vilagarcía de Arousa). Trátase dun proxecto colaborativo e autoxestionado entre a Universidade de Vigo e a Asociación de Mulleres Rurais de Bamio que desde 2016 traballa, a través de documentos históricos, arqueolóxicos e diversas testemuñas, na recuperación da memoria oral compartida da parroquia de Bamio, para conservar e revitalizar aspectos que teñen conformado a súa cultura. Nel, comenta Beatriz Comendador, “acompañamos e damos visibilidade aos procesos comunitarios de creación, difusión e socialización daqueles patrimonios que quedan invisibles ou agochados polos discursos hexemónicos”, promovendo non só a recuperación da memoria social, “senón tamén unha perspectiva feminista, tanto na revisión do discurso etnográfico oficial sobre a participación das mulleres no procesado tradicional do barro como na xeración de novos relatos”.

Na presentación coa que arranca a publicación, a súa coordinadora explica que “a historia da tradición louceira de Bamio é unha daquelas realidades que nos pertencen, aínda que non o saibamos”. Así, detalla, esta tradición oleira foi perdida e esquecida a mediados do século XX pero “é inseparable da paisaxe cultural da ría de Arousa e do estuario do Ulla”, onde aínda a finais dos oitenta quedaban “moitas evidencias espalladas”. No desenvolvemento de Louceir@s de Bamio, comenta a historiadora, e no obxectivo de “reinserir” a "memoria social" desta tradición nas escolas, “naceu a idea de facer este conto”. Sobre esta iniciativa, Beatriz Comendador sinala por último que “a maxia consiste en lograr que a recuperación da memoria social do barro desde, con e para a cidadanía, faga que as rodas non paren nunca máis en Bamio”.