DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impulsado pola Facultade de CCXX e do Traballo, está aberto a estudantes de calquera universidade

Convócase a terceira edición do Premio de Investigación xurídica en lingua galega Xosé Luis Franco

Os traballos poden presentarse ata o vindeiro 12 de abril

Etiquetas
  • Estudantes
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Investigación
DUVI 11/03/2024

A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo acaba de abrir a convocatoria da terceira edición do III Premio de Investigación xurídica en lingua galega Xosé Luis Franco. O galardón, nado en 2022, está dirixido a fomentar o emprego da lingua galega nos traballos científicos no eido do dereito entre o estudantado de grao e mestrado. Nesta nova edición aumenta a dotación económica dos galardóns, que acada os 500 euros en cada unha das dúas modalidades: alumnado da propia facultade e alumnado de calquera outra universidades do Estado. O coordinador de Normalización Lingüística da facultade, Xosé Manuel Pacho, explica que a contía dos premios aumentou de 400 a 500 euros para “tentar poñer en valor os traballos xurídicos en galego en cada modalidade.”

Tras as dúas primeiras edicións, dende a organización recoñecen estar “moi satisfeitos pola acollida, sobre todo polo nivel que amosa o alumnado tanto de grao como de mestrado nas súas investigacións, nas que, por riba, usan a lingua galega, o que amosa unha realidade que se fai patente, que o galego é unha ferramenta absolutamente axeitada como calquera outra lingua, para a investigación”.

A convocatoria deste premios serve tamén, como recordan dende a organización, para render homenaxe ao xurista e escritor Xosé Luis Franco Grande, que foi o persoeiro elixido por votación popular entre outras figuras vencelladas ao dereito e ás letras para bautizar estes premios. Avogado e membro da Real Academia Galega da lingua, colaborou con diferentes medios de comunicación e publicou en 1968 na Editorial Galaxia o Dicionario de galego-castelán, instrumento fundamental para a recuperación da lingua galega, trala prohibición durante o franquismo, e que vendeu máis de cincocentos mil exemplares.

Dúas modalidades e dous premios

A estes galardóns poden presentar traballos calquera persoa que estivese matriculada entre os anos cursos 2021/2022, 2022/2023 e 2023/2024 nunha titulación de grao ou mestrado de calquera das universidades do Estado. Neste caso correspóndelles a modalidade A, mentres que existe unha modalidade B específica para o estudantado da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo que curse os graos en Dereito, o PCEO ADE-Dereito e Relacións Laborais e Recursos Humanos, e os mestrados en Avogacía, Menores en situación de desprotección e conflito e Dirección e Xestión Laboral.

Só se poderá presentar un traballo por estudante e non se admitirán traballos conxuntos. As propostas deberán ser orixinais e estar redactadas en lingua galega e poderán tratar de calquera tema do ámbito do xurídico nas súas diferentes formas.  Deberá presentarse en formato pdf e a súa extensión deberá abranguer entre as 20 e 40 páxinas escritas en letra 12 Times New Roman ou similar, interliñado sinxelo, e cos requisitos propios dun traballo de investigación. 

Os traballos deberán enviarse por correo electrónico a decanatoxuridicas@uvigo.gal con asunto Premio de Investigación Xurídica en lingua galega antes do 12 de abril. 

A entrega de premios, no acto das Letras Galegas

Os traballos recibidos ata o 12 de abril serán avaliado por un xurado integrado polo decano da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, Francisco Torres, que o presidirá; polo coordinador de normalización lingüística da Facultade, Xosé Manuel Pacho, que actuará como secretario, e por un máximo de tres membros do persoal da facultade. Na valoración dos textos atenderase á calidade investigadora, ao interese do tema a tratar, ao enfoque empregado e á corrección lingüística do mesmo.

As persoas gañadoras en cada unha das dúas modalidades recibirán 500 euros e un diploma acreditativo, pero para a recepción do premio cómpre acudir ao acto de entrega, que terá lugar coincidindo cos actos de celebración do Día da Letras Galegas.

O ano pasado, unha ducia de traballos

O ano pasado, como explica Pacho, “recibíronse unha ducia de traballos de temática moi diversa vencellada ao mundo do Dereito e en galego, tanto da nosa universidade como doutras como a propia Universidade de Santiago”.

Finalmente, o xurado decidiu distinguir catro propostas. Na modalidade A, para o estudantado das outras universidades, outorgouse o premio, ex aequo, a dous traballos realizados por alumnas da Universidade de Santiago de Compostela, un sobre A protección no traballo ás persoas que informen sobre infraccións de Dereito da Unión Europea, de Andrea Díaz Villares, e outro titulado O afundimento do Prestige: a distribución de competencias nas materias de mariña mercante e protección civil e a omisión da mesma na sentenza da Audiencia Provincial núm. 2641/2013, de 13 de novembro, realizado por Andrea Rey Castro. Na modalidade B, específica para o alumnado da UVigo, tamén se entregaron dous galardóns ex aequo: un a Ana María Aído, estudante do Mestrado da Avogacía, polo traballo Inventores artificiais. Un novo reto para o Dereito de patentes, e outro a Xurxo Rodríguez, do Grao en Dereito, por Terrorismo e dereitos fundamentais.